[23/11/2006] O Salón Teatro de Santiago será o escenario da gala final e de entrega de premios do IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado, 25 de novembro, a partir das 20.30 horas. Un total de sete propostas, dúas delas presentadas por coreógrafos galegos, competirán neste evento –de entrada libre até completar o aforo– que organiza o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellaría de Cultura e Deporte.
Cunha dotación económica de até 11.500 euros en premios para un máximo de cinco distincións, o certame organízase como plataforma de exhibición de novas creacións co obxectivo de incentivar a actividade profesional neste sector artístico, así como a investigación, a innovación e as postas en escena imaxinativas.
FINALISTAS
As coreografías seleccionadas para participar nesta fase final da convocatoria son, por orde de actuación, Ayer y hoy de Verónica Garzón, Mireia Sans Aleu e Edurne Sanz (Madrid), Éxodos de Francisco Leiva (Madrid), Aletheia de Pacho Ayaso (Barcelona), Alambique de María Carbonell (Valencia), En la cuenca de tus ojos de Alexis Fernández, Armando Martén, Kirenia Martínez e Ana Beatriz Pérez (A Coruña), Un solo gesto de Amancio Rial (Santiago de Compostela) e Tres días y un sapato de Meritxell Barberá e Inma García (Valencia). Trala exhibición das sete candidatas, o público terá a oportunidade de asistir á posta en escena de De meu, de Dolores Mayán, que participa na gala como coreógrafa convidada.
O xurado, que dará a coñecer o seu ditame tralos pases coreográficos, baseará a súa decisión final en criterios como a orixinalidade, a capacidade de invención, a innovación e risco das propostas, o manexo da linguaxe coreográfica e a utilización do espazo escénico e dos seus elementos, entre outros.
O IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia poderá entregar até un máximo de cinco distincións. Así, o primeiro premio está dotado con 4.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que a obra gañadora se exhiba dentro da programación de coreografías galardoadas que promove a nivel estatal a Federación de Asociaciones de Profesionales de la Danza.
As bases establecen, así mesmo, galardóns para as dúas seguintes coreografías finalistas (2.500 euros para a segunda clasificada e 2.000 euros para a terceira). Contémplase, ademais, un cuarto premio de 1.500 euros ao bailarín ou bailarina destacado, así como a posibilidade de conceder a maiores unha mención especial por outros 1.500 euros.
O IGAEM fundou o seu Certame de Creación Coreográfica en 2003, ano no que resultou gañador Rafael Linares por ...ION, la valse, mentres que o segundo premio foi para Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz pola obra Alento, e o terceiro para Bárbara Monteagudo por Era. Dolores Mayán recibiu unha mención especial do xurado por MIT.
Na segunda edición, correspondente a 2004, os primeiros postos foron para Eva Bertomeu coa obra Femme. Mujer en tres colores (1º premio), Dolores Mayán con Quid est mulier? (2º premio) e Mercedes Suárez con O calar do tempo (3º premio). Miguel A. Ponte, integrante da compañía Druída Danza, foi recoñecido como o bailarín máis destacado e o xurado concedeu unha mención especial para o traballo de Rafael Linares e a súa obra Completo.
Miguel Azcúe coa coreografía Desierto adxudicouse o primeiro premio do certame en 2005, en tanto que o resto de galardoados foron Damián Muñoz e Experimenta Danza con Meltemi (2º premio) e Maruxa Salas con Didenoi (3º premio). O pasado ano o xurado decidiu outorgar unha mención especial á coruñesa Mercedes Suárez por O anxo exterminador, e recoñeceu á ourensá Maruxa Salas como a intérprete máis destacada.