Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CIRCUÍTO QUE PROMOVE A AGADIC EN COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN CLUBTURA MODIFICA A SÚA NORMATIVA NA PROCURA DUNHA MAIOR PROFESIONALIZACIÓN

A nova programación da Rede Galega de Música ao Vivo desenvolve un total de 284 concertos e funcións escénicas ata xuño

[01/02/2011] Un total de 31 salas de toda Galicia acollen a nova programación da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), que se estende ata o vindeiro mes de xuño ofrecendo 284 actuacións, das que 257 son concertos e 27 funcións escénicas. Os grupos Niño y Pistola e Los Eternos protagonizan, este xoves día 3 en La Casa de Arriba de Vigo e no Forum Celticum de Culleredo, respectivamente, as primeiras citas desta carteleira, coa que o circuíto que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) estrea, ademais, unha nova normativa de funcionamento na procura dunha maior profesionalización da música en directo.

RGMV

Transcorridos catro anos dende a súa creación en 2007, a RGMV incorpora agora una serie de novidades canto ao seu contido, réxime económico e procedemento de contratación, consensuadas pola Agadic coa Asociación de Salas de Música ao Vivo Clubtura. Neste sentido, o circuíto abre as portas por primeira vez a outras disciplinas artísticas, como o teatro, a maxia ou o novo circo, mantendo porén a súa función principal como instrumento destinado a dotar dunha maior estabilidade ás salas de música en directo.

A Axencia Galega das Industrias Culturais elaborou, ademais, un estudo detallado para avaliar este tipo de espazos canto á súa dotación técnica, programación e localización, entre outros aspectos, de xeito que se garante que as salas adscritas ao circuíto ofrezan unhas mellores condicións para o desenvolvemento das actuacións. Este salto cualitativo trasládase tamén aos espectáculos e concertos programados, todos eles producidos e/ou distribuídos de xeito profesional a través de "sociedades civís, mercantís ou empresarios individuais".

Financiamento do 85%
A optimización dos recursos asignados á RGMV é outro dos obxectivos desta normativa, que por primeira vez establece ciclos de programación semestral no canto de anuais. Así, a Rede conta cun orzamento global de 130.651 euros para este primeiro período de 2011, do que un 85 por cento corresponde á Agadic e o 15 por cento restante ás 31 salas adscritas, distribuídas por un total de 23 concellos galegos: A Coruña (BâBâ Bar, Garufa e Jazz Filloa), A Laracha (Pub d’Antón Rock Café), A Rúa (Catro Camiños), Allariz (Café-Cultural Roi Xordo), Baiona (Marrucho), Bueu (Aturuxo), Caldas de Reis (Zona Zero), Cangas do Morrazo (SalaSon), Culleredo (Forum Celticum), Ferrol (Sala Super8), Lugo (Clavicémbalo), Marín (Ache), Melide (A Fundación, Pub Gatos e Sala 600), Nigrán (Clandestino), O Barco de Valdeorras (Baranda), O Grove (Náutico), O Porriño (Bar Liceum), Ourense (Auriense Café Cultural), Ponteareas (A Regueifa), Pontevedra (Sala Karma), Santiago de Compostela (Ultramarinos), Vigo (Contrabajo, El Ensanche, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate e La Iguana Club) e Vilagarcía de Arousa (Sama Sama).

Programación galega
Na carteleira que se desenvolverá nos devanditos espazos hai lugar para o rock, pop, folk, blues, electrónica, jazz e canción de autor, entre outros estilos musicais, a cargo dun total de 91 bandas e solistas, así como para teatro de pequeno formato, novo circo e maxia da man de 8 compañías. Ademais, 84 destas 99 formacións escénicas e musicais son de procedencia galega, superándose amplamente os mínimos establecidos na normativa, segundo a que o 75% da programación deberá corresponder a grupos e compañías con sede en Galicia.

O novo regulamento establece, así mesmo, que a programación de música non poderá ser inferior ao 50% e que cada formación só poderá ser programada unha vez ao ano en cada sala, ademais dun prezo mínimo de 3 euros por entrada, entre outras normas.

Ligazóns