Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE O VENRES 4 ÁS 21.00 H ESTA VERSIÓN DA OBRA DE OSCAR WILDE DIRIXIDA POR CARLOS SANTIAGO

O CDG retoma a xira galega do espectáculo "Salomé" cunha función en Vilagarcía de Arousa

[01/02/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) continúa esta semana en Vilagarcía de Arousa a xira da súa última montaxe, Salomé, dirixida por Carlos Santiago a partir da obra de Oscar Wilde. Tralo seu periplo por Portugal, onde foi representado en Gimarães, Tondela e Braga, este espectáculo regresa a Galicia ofrecendo un pase no Auditorio Municipal de Vilagarcía o vindeiro venres 4 de febreiro, ás 21.00 horas.

Salomé

Esta función foi presentada hoxe polo concelleiro de Cultura e primeiro tenente de alcalde de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón; a directora do CDG, Blanca Cendán, e o actor Hugo Torres, quen interpreta o papel de Iokanaán como parte do elenco que encabezan María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes e do que tamén forman parte María Salgueiro, Marcos Correa e Alberte Cabarcos.

Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez "Narf" na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

Posta en escena arriscada
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio biblíco recreado por Wilde, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco do xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Acción nun único acto
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función de Salomé en Vilagarcía está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.servinova.com e do teléfono 902 504 500. No despacho de billetes do Auditorio Municipal poderán adquirirse, ao prezo de 6, 4 e 3 euros, o propio venres 4 desde ás 19.00 horas.

Despois da súa estadía en Vilagarcía, o espectáculo exhibirase sucesivamente no Auditorio Gustavo Freire de Lugo (10 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (18 de febreiro), Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Finalmente, o período de exhibición de Salomé rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán outras catro novas funcións.

Documentación