Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ENTIDADE ABOARÁ NOS PRÓXIMOS DÍAS MÁIS DE 880.000 EUROS AOS SECTORES ESCÉNICO, MUSICAL E AUDIOVISUAL

A Agadic mantén a normalidade nos pagamentos ás empresas culturais galegas

[27/01/2011] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) mantén a normalidade nos pagamentos de subvencións e doutros conceptos que se libran anualmente coas distintas empresas culturais galegas. Así, a entidade da Consellería de Cultura e Turismo aboará a partir de mañá 28 de xaneiro e durante os próximos días máis de 880.000 euros, cantidade total que nestes momentos está pendente de pago con todos os trámites administrativos previos conformados.

O prazo dos pagos efectivos que se veñen rexistrando non son en ningún caso excepcionais, tanto se se consideran unicamente dentro do ciclo do exercicio de 2010 coma se se comparan con anos anteriores, xa que en todo caso se manteñen as cadencias usuais de cada procedemento.

No caso concreto das manifestacións feitas públicas nos últimos días pola asociación Escena Galega, a Agadic aclara que, no tocante ao pagamento pola realización de funcións nas redes de distribución de espectáculos, a cantidade exacta que está pendente de cobro por parte das compañías é de 161.381,68 euros, cifra correspondente aos gastos dos últimos dous meses do pasado ano e con asento contable sempre posterior ao 8 de novembro.

No que atinxe ás subvencións concedidas en 2010, o prazo de liquidación tampouco é especialmente significativo, xa que na maioría dos casos os expedientes regulamentarios non estiveron perfeccionados até mediados de decembro, debido ao seguimento da legalidade correspondente na presentación da documentación inicial e de ulteriores xustificacións e subsanacións por parte dos beneficiarios. Tampouco neste extremo se pode establecer unha situación sensiblemente distinta a concesións anteriores, xa que, por exemplo, o pago das contías outorgadas en 2009 realizouse na terceira semana de decembro dese ano.

A Agadic entende e solidarízase coa situación que, nalgúns casos, están a vivir as empresas culturais galegas debida ás condicións económicas estruturais que afectan a todos os sectores de produción.