Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TERÁ LUGAR NO SALÓN TEATRO EN HORARIO MATINAL DO 14 AO 18 E DO 21 AO 24

O CDG abre a inscrición para o curso sobre Molière que impartirá en febreiro Mario Tomás

[26/01/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) organiza un curso sobre Molière que, dirixido fundamentalmente a actores e actrices, impartirá o director, actor e dramaturgo galego Mario Tomás. O curso, que abriu hoxe o prazo de matrícula, consta de nove xornadas lectivas (do 14 ao 18 e do 21 ao 24 de febreiro entre 10.00 e 14.00 horas) centradas no estilo e na construción dos personaxes creados polo comediógrafo francés.

O CDG oferta un máximo de 15 prazas dirixidas a persoas con especial interese no traballo actoral arredor do teatro de Molière, preferiblemente con experiencia ou con formación probada nas artes escénicas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de febreiro e o prezo da matrícula é de 50 euros.

Para a posta en marcha das clases cóntase co asesoramento de Luís D’Ors, actual coordinador do centro de estudos do Teatro de la Abadía e director escénico da compañía Míjael Chéjov.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa de formación continua para profesionais da escena impulsado polo CDG, despois da primeira experiencia desenvolvida o pasado mes de setembro a cargo de Alfredo Padilla cun curso sobre o teatro de Shakespeare.

Escenas de seis pezas
Os participantes neste taller deberán escoller algunha das escenas que se facilitarán das pezas Escola de mulleres, Don Juan, Tartufo, O enfermo imaxinario, O Misántropo ou George Dandin. A continuación, unha parte das clases estarán dedicadas á observación e toma de conciencia do instrumento de traballo mediante exercicios de sensibilización e tonificación, prestándolle un interese especial á respiración. A través do xogo barroco de Molière, indagarase na súa comicidade desde o xesto, a situación, as palabras e os caracteres dos personaxes. Ademais, tomando pequenas escenas que se afinarán día a día, faranse evidentes as influencias de Plauto e da commedia dell’arte italiana nos textos.

Por outra banda, abordaranse a calidade de escoita, o ritmo diexético das escenas, a importancia dos obxectos, as relacións xerarquizadas dos personaxes, o paralelismo da obra coa nosa realidade. Estudarase como achegarse ao texto de xeito que non supoña un encorsetamento para o actor/actriz a hora de considerar o xogo escénico. Finalmente realizarase unha pequena mostra aberta ao público (work in progress), resumo do obradoiro.

Mario Tomás
Director, actor e dramaturgo galego, posúe unha ampla formación no eido do teatro francés. Durante a súa traxectoria profesional participou en máis de corenta montaxes teatrais, interpretando personaxes como Argan (en El enfermo imaginario, Cía. La Espada de Madera, 1995/97) ou o do propio Molière nunha montaxe sobre a vida do autor francés.

Entre 1992 e 1997 formou parte do elenco de a Troupe de l’Epée de bois na Cartoucherie de Paris (amadriñada por Arianne Mnouchkine) e foi cofundador do grupo La Espada de Madera (Madrid, 1993), co que colabora ata 1998. En 2006 instálase en Galicia e funda a compañía Tirititempo dirixindo e interpretando as montaxes A historia máis prodixiosa (2006), Os tres porquiños e algún outro (2007), Sete-sete, cabaleiro de Albacete (2008) e Osofete (2010).