Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O MONÓLOGO ESCÉNICO-NARRATIVO QUE OFRECE EMOCIÓN E DIVERSIÓN CONMEMORA O 50 ANIVERSARIO DA PRIMEIRA PUBLICACIÓN DA OBRA EN BOS AIRES

Cándido Pazó presenta no Salón Teatro "Memoria das memorias dun neno labrego" sobre o emblemático libro de Neira Vilas

[25/01/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro o espectáculo producido por Abrapalabra Creacións Escénicas Memoria das memorias dun neno labrego, un monólogo escénico-narrativo co que Cándido Pazó rende homenaxe ao libro de Xosé Neira Vilas no 50 aniversario da súa primeira publicación. O escenario do Centro Dramático Galego desenvolverá un total de seis funcións da primeira versión escénica en Galicia desta obra emblemática da narrativa galega: tres para o público xeral, que terán lugar o venres 28 e o sábado 29 ás 20.30 horas e o domingo 30 ás 18.00 horas; e outras tres para estudantes de bacharelato, concretamente dous pases matinais o luns 31 e un terceiro o martes 1 de febreiro.

Memoria das memorias dun neno labrego

Na presentación aos medios desta serie de funcións, as primeiras que se realizan desde a preestrea na Illa de Arousa o pasado outubro, participou o propio Neira Vilas, diante de quen Cándido Pazó ofreceu unha pequena dramatización sobre a interpretación que el mesmo fai no espectáculo do personaxe de Balbino, o neno labrego que se convertera a partir da segunda metade da década dos 70 en figura coñecida por todos os escolares galegos.

Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, foi publicado en Bos Aires en 1961 e é considerado hoxe un dos libros clave da literatura galega, así como o máis editado, lido e traducido. Para conmemorar este cincuentenario, a compañía Abrapalabra presenta un espectáculo emotivo e divertido no que se conta a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director teatral coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista cómico. Así, Pazó realiza a adaptación dramatúrxica, escribe textos complementarios, dirixe e interpreta a peza en solitario.

Carácter híbrido
A montaxe presenta unha compoñente híbrida, o que leva ao seu creador a definila como "teatro contado ou conto teatralizado". Neste sentido, en Memoria das memorias dun neno labrego advírtese a plasticidade dunha proposta escénica total, ao tempo que vai ao espectador tan directa como unha sesión de narración oral.

Goza, ademais, dun grande atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación -asinado por Nano Besada Caneda e Rubén Vidal Prol "Zé" que, combinado cunha elaborada iluminación a cargo de Afonso Castro, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Carlos Alonso é o responsable deste espazo escénico así como do deseño do vestiario. Cada momento e cada situación teñen tamén a súas sonoridades, plasmadas na composición musical escrita especialmente por Manuel Riveiro para a ocasión.

Sensacións nos lectores
Memoria das memorias dun neno labrego parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para falar das sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores. Lectores que, pertencentes a varias xeracións, forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade.

Neste contexto, nas Memorias dun neno labrego viuse reflectida a memoria dunha boa parte da sociedade galega, dos miles e miles de nenos labregos, ou fillos, netos, bisnetos ou tataranetos de nenos labregos que leron o libro.

Entradas
As entradas para asistir ás tres representacións de Memoria das memorias dun neno labrego poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación