Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CATEDRÁTICA EMÉRITA DA RESAD DE MADRID, É PIONEIRA NA ENSINANZA E INVESTIGACIÓN DA CREATIVIDADE CORPORAL E DO TEATRO XESTUAL EN ESPAÑA

Marta Schinca imparte un obradoiro de movemento e expresión no Centro Coreográfico Galego

[21/01/2011] A profesora Marta Schinca, pioneira da ensinanza e investigación da expresión corporal a nivel estatal, desprazarase a vindeira semana á Coruña para impartir o Taller de Movemento e Expresión que o Centro Coreográfico Galego organizará do 24 ao 27 de xaneiro na súa sede do Complexo Deportivo de Elviña. Un total de 15 alumnos teñen xa formalizada a súa inscrición neste obradoiro, centrado na capacidade comunicativa do movemento corporal.

Marta Schinca

Catedrática emérita de Técnica e Expresión do Movemento na Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, Schinca é creadora dun método pedagóxico propio baseado na rítmica de Dalcroze e no sistema Laban. Posúe, así mesmo, unha longa e destacada traxectoria no ámbito do teatro xestual como pedagoga, investigadora e creadora. Ten estreado sete montaxes coa súa Compañía Schinca Teatro de Movimiento, ademais de colaborar como responsable de movemento escénico en espectáculos dirixidos por Adolfo Marsillach, José Tamayo, Ricard Salvat, Alberto González Vergel ou José Estruch, entre outros.

Linguaxe corporal
No curso que dirixirá na Coruña, traballará co alumnado a apertura do corpo á sensación, emoción, imaxinación e manifestación individual e colectiva, co obxectivo de transformar o movemento en xesto significativo e expresivo. Así, durante as catro xornadas nas que se estrutura o curso, abordaranse contidos que van dende a chamada "organicidade" do movemento e os centros da enerxía ata a comunicación a través da linguaxe corporal.

O plan formativo do Centro Coreográfico Galego para o curso 2010-2011 continuará no mes de febreiro coa celebración do obradoiro Cara a procesos de ensinanza-aprendizaxe da danza contemporánea centrados no alumnado que Alicia Gómez Linares, bailarina e profesora de movemento escénico e danza no centro Artebi (Escola de Música, Artes Escénicas e Visuais) de Bilbao, impartirá o día 4. O prazo de inscrición para solicitar unha das 20 prazas dispoñibles para asistir a esta xornada esténdese dende hoxe e ata o 2 de febreiro.

Ademais, do 7 ao 11 de febreiro desenvolverase un novo ciclo de master class de danza clásica e contemporánea dirixido tanto a profesionais como a estudantes de nivel medio-alto. As profesoras Déborah Alfaya, Maite Quiñones e Paloma Pérez-Colomer impartirán as clases maxistrais de danza clásica os días 7, 9 e 11 de febreiro, respectivamente, mentres que as de contemporánea correrán a cargo de David Loira (día 8) e Celia López (día 10). O prazo de inscrición para participar neste ciclo -tanto completo como en clases soltas- permanecerá aberto do 24 de xaneiro ao 4 de febreiro.

Ligazóns