Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ACTUACIÓN TERÁ LUGAR O MARTES 18, ÁS 21.30 HORAS, DENTRO DO CICLO ST MÚSICA PRESENTE

O Salón Teatro acolle o concerto de presentación de "Zigurat", novo traballo discográfico de Abe Rábade Trío

[14/01/2011] O Salón Teatro de Santiago abre unha nova entrega do ciclo ST Música Presente co concerto que o trío do pianista Abe Rábade, acompañado da súa sección rítmica habitual, ofrecerá o vindeiro martes día 18 ás 21.30 horas. Xunto ao portugués Bruno Pedroso á batería e ao contrabaixista vasco Pablo Martín, o jazzista compostelán presentará o seu último traballo discográfico, Zigurat, ademais de repasar o mellor do seu repertorio para trío.

Abe Rábade Trío

Zigurat é o sétimo disco de Abe Rábade como líder e o cuarto con esta formación. Esteticamente, o álbum prima o melódico; un lirismo íntimo en ocasións e esgazado noutras. Así e todo, non falta a aposta por métricas complexas e harmonías sofisticadas que fan deste novo traballo unha obra plenamente axustada á contemporaneidade do jazz. Ao mesmo tempo, os temas conseguen ser vehículos de expresión para tres solistas que manexan un triángulo tímbrico rico en texturas, dun amplísimo rango dinámico e, sobre todo, cargado de emoción.

Editado polo selo Karonte, discográfica madrileña con distribución internacional, todos os temas de Zigurat foron compostos por Abe Rábade, agás Chanson nº 6, do que é autor Federico Mompou.

Promoción e difusión de discos galegos
Promovido pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo ST Música Presente botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas unha nova canle de promoción e difusión dos grupos e artistas galegos desde unha perspectiva esencialmente comercial.

Os concertos teñen como principal obxectivo a presentación de novos traballos discográficos, aínda que tamén teñen cabida a organización de eventos musicais de carácter extraordinario, ben por unha especial combinación de artistas, ben pola execución dun repertorio ou formato especial, como acontece nesta ocasión.

As actuacións diríxense prioritariamente a un público especializado (programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e outros axentes culturais), aínda que se abren tamén ao resto de espectadores interesados.

Carreira internacional
Abe Rábade empezou a tocar o piano con catro anos de idade nun ámbito familiar de escritores. Formado no prestixioso Berklee College of Music (Boston), foi galardoado en 2001 co Premio Tete Montoliú da SGAE e ofreceu concertos nos principais festivais nacionais e internacionais de jazz.

O trío de Abe Rábade é, á súa vez, unha formación estable desde o ano da súa aparición en Boston en 1996. A banda gañou o segundo premio do Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (2000). Babel de sons é o primeiro disco do grupo e recolle o directo galardoado con este premio. O segundo álbum levaba por titulo Simetrías e foi presentado no Festival de Jazz Plaza de La Habana (Cuba) en 2002. A seguinte produción discográfica do trío, Playing on Light, foi considerada pola revista Cuaderno de Jazz como Mellor Disco de Jazz en España no 2006.

As entradas para o concerto de Abe Rábade Trío xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse o propio martes a partir das 19.30 horas.

Ligazóns