Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OFRECERÁ DÚAS FUNCIÓNS MAÑÁ VENRES 14 E O SÁBADO 15 ÁS 20.30 HORAS

A Companhia de Teatro de Braga chega ao Salón Teatro de Santiago co monólogo sen texto "Concerto à la carte"

[13/01/2011] O Salón Teatro de Santiago recibe á Companhia de Teatro de Braga co espectáculo Concerto "à la carte", produción número cen da formación portuguesa que se representa mañá venres 14 e o sábado 15, ás 20.30 h, froito dun acordo de intercambio co Centro Dramático Galego. Con dirección de Rui Madeira a partir da obra do dramaturgo alemán Franz Xaver Kroetz, este "monólogo sen texto" aborda a soidade dunha muller entregada á depresión e á obsesión polas cousas ordenadas.

Concerto à la carte

Concerto "à la carte" retrata a historia diaria dunha muller igual que tantas outras, na súa casa, prisioneira da súa propia cabeza, das súas rutinas e do seu caos organizado no cotián. Na súa vida, sucédense os días, todos iguais, fríos e abandonados, cos labores do fogar como principal preocupación. Porén, detrás desa fachada de ama de casa habita unha muller con ilusións, que loita no seu interior entre o que quere e o que debe ser.

Sen palabras
Trátase dunha comedia social que expón un ollar frío, concreto e real da vida vivida por moitas mulleres: "A vida na máis crúa das rutinas e no máis pesado dos silencios", en palabras da propia compañía. Así, construído en partitura de silencios, este é un espectáculo sobre a existencia, onde durante hora e media a actriz Ana Bustorff dá vida á señora Rasch, unha muller solteira igual que tantas que habitan no apartamento do lado, que se cruzan connosco no supermercado, a quen ollamos sen ver e que morren sen sabermos.

Este espectáculo xestual preséntase no escenario compostelán dentro dun acordo de intercambio entre o Centro Dramático Galego e tres agrupacións de Portugal: ademais da Companhia de Teatro de Braga, Trigo Limpo de Tondela e Teatro Oficina de Guimarães. En contrapartida, o espectáculo do CDG Salomé exhibirase este mes de xaneiro no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (día 22), Teatro Acert de Tondela (día 26) e Theatro-Circo de Braga (28 e 29 de xaneiro).

As entradas para asistir ás representacións de Concerto "à la carte" poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Documentación
Ligazóns