[17/11/2006] A obra O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro, resultou gañadora do Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Títeres 2006 na categoría de monicreques para rapaces, segundo resolveu hoxe por unanimidade o xurado desta cuarta edición do galardón que convoca o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde.
O tribunal –integrado pola escritora Marilar Aleixandre, como presidenta; e por Xosé Cermeño, escritor, guionista e xornalista; Jorge Rey, director do festival Galicreques e responsable da compañía Títeres Cachirulo e da Sala Yago de Santiago; e Anxo García, director de Viravolta Títeres, como vogais– decidiu, así mesmo, declarar deserto o premio na modalidade de textos para adultos.
Presentada baixo o lema Batel, a obra gañadora parte do afundimento dun barco como argumento para abordar os distintos xeitos de reaccionar dos personaxes e a importancia da unión á hora de enfrontar os problemas. O xurado destacou de O afundimento do Tiránic a súa "adecuación á especificidade do teatro para monicreques e a súa ollada irónica sobre personaxes arquetípicos do teatro de títeres e da literatura infantil". Subliñou, igualmente, a calidade literaria dos diálogos a través dos que consegue unha linguaxe áxil.
TRAXECTORIA
Breogán Riveiro recibirá 4.000 euros como gañador deste IV Barriga Verde de Textos para Títeres, premio que se suma a outros galardóns cos que ten sido recoñecido como autor literario. Así, recentemente obtivo o Pura e Dora Vázquez de Narración da Deputación de Ourense por A historia máis incrible que nunca liches, ademais de gañar en 2004 o V Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña por Tonecho de Rebordechao, o I Premio de Literatura Fantástica Cidade da Coruña e A Curuxa Literaria do Museo de Humor de Fene. Foi, así mesmo, finalista do I Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.
Nado en Montevideo (Uruguai) en 1967 e residente en Oleiros (A Coruña), na actualidade Breogán Riveiro é realizador e guionista audiovisual. De feito, no seu ámbito profesional ten empregado os monicreques de xeito experimental, aínda que O afundimento do Tiránic supón a súa primeira incursión no terreo da creación literaria para títeres.
Ten publicadas, ademais, as obras O vendedor de mazás, de xénero fantástico, e O asasino bífido, que pode inserirse no ámbito da literatura humorística.
Un total de dez orixinais optaron a esta cuarta edición do Barriga Verde, promovido anualmente polo IGAEM como xeito de incentivar a creación de textos para o eido dos monicreques, ao tempo que lembra a figura de José Silvent, creador do mítico personaxe "Barriga Verde" e considerado o fundador do guiñol popular galego.
Xosé Manuel Fernández Castro, con Misterio en Guernica, resultou gañador o ano pasado na categoría de teatro para adultos, mentres que a modalidade para rapaces quedou deserta. Os anteriores galardoados neste certame internacional foron Celia Díaz Núñez (teatro infantil, 2003), Tino Antelo (teatro infantil, 2002) e Guaira Castilla (teatro para adultos, 2002).