Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PROFESORA FERROLÁ É PRIMEIRA BAILARINA DO BALLET DA ÓPERA DE NIZA DESDE 2004

O CCG abre o seu programa formativo 2011 con tres clases maxistrais a cargo da bailarina Paula de Castro

[28/12/2010] A profesora ferrolá Paula de Castro, primeira bailarina do Ballet da Ópera de Niza dende 2004, impartirá tres master class de danza clásica na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña, coas que dará comezo o programa formativo da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para 2011. Tras estas clases, que se desenvolverán do 3 ao 5 de xaneiro en horario de 9.30 a 11.00 horas, o plan docente para o primeiro cuadrimestre do ano continuará con diferentes obradoiros sobre expresión corporal, ensinanza da danza contemporánea e técnicas Limón-Release, Vaganova e Graham, entre outras temáticas.

Paula de Castro

Nestes momentos permanece aberto o prazo de inscrición para as clases maxistrais de Paula de Castro, segundo as especificacións que se detallan na páxina web www.centrocoreografico.org. O prezo da matrícula é de 15 euros para cada unha das xornadas e de 40 euros para as tres sesións, establecéndose un límite de 20 prazas.

A seguinte das citas formativas terá lugar do 23 ao 27 de xaneiro, da man de Marta Schinca, catedrática emérita de Técnica e Expresión do Movemento na Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid. Pioneira da ensinanza e da investigación no ámbito da expresión corporal en España, Schinca é a creadora dun método pedagóxico propio baseado na rítmica de Dalcroze e no sistema Laban.

Ensinanza-aprendizaxe
Xa en febreiro, o día 4 Alicia Gómez Linares, bailarina e profesora de movemento escénico e danza no centro Artebi (Escola de Música, Artes Escénicas e Visuais) de Bilbao, visitará a sede do Centro Coreográfico para impartir o obradoiro titulado Cara a procesos de ensinanza-aprendizaxe da danza contemporánea centrados no alumnado.

Tamén durante o primeiro cuadrimestre do ano, o CCG organizará tres obradoiros sobre outros tantos métodos coreográficos -Vaganova, a cargo de África Hernández e Mirco Fila, técnica Limón-Release e danza Graham-, ademais de ofrecer un taller co bailarín e coreógrafo Toni Aparisi e de iniciar un novo ciclo de master class con profesores das principais escolas de danza de Galicia.

Un total de 567 alumnos
A unidade de danza da Agadic continúa así a liña formativa desenvolvida en 2010 cun programa que congregou un total de 567 alumnos arredor dunha decena de encontros e obradoiros, que deron comezo cun ciclo de sete clases maxistrais de danza clásica e contemporánea cos mestres Hervé Ilari, Cristina Ruiz Pérez, Raúl Moreno, Luciano Gómez, Bárbara Monteagudo, Armando Martén e os integrantes da Merce Cunningham Dance Company Jennifer Goggans e Robert Swinston.

Xa na segunda metade deste ano, Ana Abad Carlès, Calixto Albán Laxe e Roberto Beceiro impartiron outros tres obradoiros dirixidos a profesionais e estudantes de nivel medio-alto, ao tempo que as profesoras do Centro Coreográfico Beatriz Ponlla e Belén Vázquez se encargaban das clases abertas de danza clásica arredor do espectáculo Etheria. A viaxe soñada.