Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O DOCUMENTO, ELABORADO POLA ASOCIACIÓN GALEGA DE MÚSICOS AO VIVO, INCIDE NOS DEREITOS E OBRIGAS DE INTÉRPRETES E EMPRESARIOS

A Agadic publica un manual de boas prácticas como guía laboral e fiscal na contratación de concertos

[27/12/2010] O sector musical galego dá un novo paso na súa crecente profesionalización coa publicación do Manual de boas prácticas, unha guía para a xestión laboral e fiscal na contratación de concertos que acaba de ser editada pola Asociación Galega de Músicos ao Vivo co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e da Sociedad de Gestión de Artistas, Intérpretes o Ejecutantes (AIE).

A Agadic colabora, ademais, na distribución deste documento entre artistas e promotores musicais, co obxectivo de impulsar un maior coñecemento dos seus correspondentes dereitos e obrigas á hora de desenvolver espectáculos en directo. Así, e tras un breve manifesto no que se avoga por un maior recoñecemento profesional do traballo de músico, o Manual de boas prácticas céntrase nas principais obrigas laborais e fiscais dos empresarios organizadores de concertos, tendo en conta que, por definición legal, o músico "ten a consideración de traballador por conta allea", ademais de facer fincapé na garantía do dereitos dos artistas cando intermedia unha empresa subcontratada.

Dúbidas frecuentes
A través desta guía, a Asociación Galega de Músicos ao Vivo incide igualmente nas principais vantaxes das cooperativas de músicos non só para os propios cooperativistas (consideración de traballadores por conta allea, sinxeleza na facturación, custos de xestión axustados, opción de darse de alta como autónomo por tempo definido, etc.), senón tamén para os promotores das súas actuacións (delegación da responsabilidades administrativas, laborais e fiscais e facturación procedente dunha soa entidade). Por último, o documento conclúe cunha relación de preguntas frecuentes, a través das que se intenta dar resposta a cuestións referentes á facturación, pago de salarios, subsidio por desemprego, contratación, etc.

Integrada por máis dun centenar de músicos profesionais e afeccionados, a Asociación Galega de Músicos ao Vivo constituíuse no ano 2008 co fin de traballar a prol dunha mellor regulación da situación laboral e fiscal dos músicos que tocan en directo, entre outros obxectivos.

Documentación
Ligazóns