[22/12/2010] O Salón Teatro de Santiago despide a súa programación de 2010 cunha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que ofrecerá do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos de teatro actor, clown e monicreques, especialmente pensados para os máis pequenos. Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG) ininterrumpidamente desde o ano 2000 e sempre nas mesmas datas, nesta décima edición participan os grupos galegos Limiar Teatro, coa coprodución Os 4 da Xunqueira (na imaxe); Berrobambán, con Bicharada; Tanxarina Títeres, con Trogloditas; Títeres Trompicallo, con O día que chegou un nube e choveu; e Panamesiana Teatro, con Oh, que bonito é Panamá!.
As funcións celebraranse ás 19.00 horas, agás no caso da montaxe O día que chegou unha nube e choveu, da que se ofrecerán dous pases ás 17.00 e ás 19.00 horas, cun aforo limitado a 50 nenos e nenas acompañados por cadanseu adulto. As entradas para asistir aos diferentes espectáculos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto todos os días da Mostra dende dúas horas antes do comezo de cada actuación. Ademais, poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros e tamén está dispoñible na billeteira un bono de seis entradas a un prezo de 30 euros.
Teatro mudo e monicreques
Limiar Teatro e Mao Teatro en coprodución co CDG serán os que inicien esta programación o domingo 26 con Os 4 da Xunqueira. Trátase dunha proposta cómica dirixida a todos os públicos, baseada na historia da tradición oral Os catro amigos, presente tanto na cultura portuguesa como na universal. O espectáculo combina música en directo, danza, teatro e malabares para narrar a historia de Can, Boi, Gata e Galo, catro músicos que foxen da cidade buscando no mundo rural un lugar para vivir e ensaiar.
Ao día seguinte, luns 27, Berrobambán porá en escena a montaxe Bicharada, coa que a compañía galega regresa ao terreo mudo, á linguaxe visual e ao humor sen palabras. A obra conta a historia de dúas veciñas -unha araña e unha formiga- que aínda que teñen costumes ben distintas se levan ben. A primeira almacena provisións no seu formigueiro e a segunda tece a súa tea para cazar presas. Pero algo cambia cando chega un novo veciño, un escaravello, cuxa integración vai ser máis complicada do que podería parecer.
Os monicreques chegarán á Mostra o martes 28 da man de Tanxarina Títeres con Trogloditas, un espectáculo ambientado na prehistoria onde tres homes das cavernas convidan aos asistentes a coñeceren o seu particular xeito de vida. A través da linguaxe corporal e de sons primitivos, os actores interactúan cos espectadores, nun contexto dinámico e cheo de situacións cómicas.
Respecto á natureza
Trompicallo Teatro presentará o mércores 29 O día que chegou unha nube e choveu, a última produción da compañía, unha das máis consolidadas no panorama dos títeres en Galicia. Esta montaxe de monicreques de xénero eminentemente cómico e para nenos e nenas con idades comprendidas entre 1 e 5 anos, achega os máis pequenos á natureza e á importancia da auga nas nosas vidas.
A nova compañía Panamesiana Teatro será a encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal o xoves 30 con Oh, que bonito é Panamá![, obra resultante da adaptación ao galego do conto do ilustrador e narrador alemán Janosch, unha peza teatral popularizada na maior parte de Europa pero practicamente descoñecida en Galicia e en España. A obra conta a viaxe que Oso e Tigre emprenden ata Panamá seducidos polo aroma a plátanos dunha caixa que leva inscrito o nome dese país. Polo camiño atópanse cun León de peregrinación a Compostela, co que fan amizade e intercambian experiencias. A inocencia, a amizade, o respecto á natureza e a felicidade das cousas pequenas son os protagonistas absolutos deste xogo de teatro, monicreques, música e clown.