Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ÁS 12.00 HORAS NA SEDE DO CCG NO COMPLEXO DEPORTIVO DE ELVIÑA DA CORUÑA

O Centro Coreográfico ofrece mañá un ensaio aberto do proxecto "Branco" de Amparo Novas

[21/12/2010] A coreógrafa e bailarina Amparo Novas, artista seleccionada polo programa de investigación coreográfica do Centro Coreográfico Galego (CCG) co seu proxecto Branco, ofrecerá mañá unha mostra desta proposta a través dun ensaio aberto ao público e profesionais interesados. A cita terá lugar a partir das 12.00 horas na sede do CCG no Complexo Deportivo de Elviña da Coruña.

A través desta iniciativa, a coreógrafa traballa xunto ao músico Tito Barbeito e á bailarina Carmela García, unindo as súas artes en escena para experimentar coa relación entre as emocións e as cores.

Como eles mesmos explican, o proxecto parte do branco como punto de encontro, como "a cor pura que contén as demais cores", pero ao longo da súa mestura xurdirán outras cores, máis delicadas e máis fortes, que os conducirán a través de moi diferentes emocións.

Branco é un dos oito proxectos seleccionados pola unidade de danza da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no marco deste novo programa dirixido á promoción da investigación no ámbito da creación coreográfica en Galicia.