Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DESENVOLVÉRONSE UNHAS 160 INICIATIVAS PRIVADAS QUE INCLÚEN FUNCIÓNS E CONCERTOS FÓRA DE GALICIA, ASÍ COMO A PARTICIPACIÓN EN FEIRAS INTERNACIONAIS

Máis de 60 empresas culturais galegas beneficiáronse das axudas da Agadic á proxección exterior

[21/12/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) apoiou este ano máis de 160 iniciativas privadas de promoción exterior da escena, a música, o libro e as artes plásticas galegas a través das axudas á distribución do seu programa de subvencións ás industrias culturais. A entidade da Consellería de Cultura e Turismo acaba de publicar a última das resolucións correspondentes a esta convocatoria, da que en 2010 resultaron beneficiadas máis de 60 empresas para a realización de funcións escénicas e concertos fóra de Galicia, así como para a asistencia a feiras e mercados internacionais.

Coa publicación desta última resolución das axudas á distribución, para as que a Agadic convocou un total de 380.000 euros que foron distribuídos ao longo do ano, complétase o programa de subvencións ás industrias culturais, dotado cun orzamento de 2.100.000 euros para un total de sete modalidades: actividade escénica, programa Crédito-Cultura, produción e distribución de traballos discográficos, salas privadas de teatro e artes escénicas, asociacionismo profesional e mellora técnica de estudios de gravación, ademais da devandita categoría de distribución.

Mercados sectoriais
No marco destas axudas á proxección exterior da cultura galega, unha vintena de empresas recibiron apoio económico para participar nalgúns dos máis destacados mercados sectoriais a nivel internacional. É o caso, entre outros, da Bologna Fair, a Book Expo América, a Frankfurter Buchmesse e o Liber de Madrid, en canto ao sector editorial; da feira Arco e Art-Madrid, Zona Maco de México ou Next Chicago, no ámbito das artes plásticas, e do Womex de Copenhague e a Monkey-Week de Cádiz, no da música.

Esta liña de subvención diríxese, ademais, a apoiar unha maior presenza da nosa escena fóra de Galicia, de xeito que a través das axudas á distribución favorecéronse preto de 40 iniciativas de exhibición de espectáculos galegos de teatro e danza en diferentes escenarios españois (Asturias, Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Euskadi, Madrid e Murcia) e internacionais (Arxentina, Francia, Portugal e Romanía), así como as funcións exteriores das compañías galegas que foron contratadas durante a celebración da pasada edición da Feira Galega das Artes Escénicas.

No caso do sector musical, apoiáronse así mesmo unha decena xiras e concertos puntuais de moi diferentes estilos en escenarios españois e internacionais (Arxentina, Hungría, Illa de Man e México, entre outros destinos).

Ligazóns