Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A UNIDADE DE DANZA DA AGADIC SELECCIONARÁ 6 BAILARINAS E 6 BAILARÍNS, QUE COMEZARÁN EN FEBREIRO OS ENSAIOS DA NOVA PRODUCIÓN QUE SERÁ ESTREADA EN PRIMAVERA

O Centro Coreográfico Galego convoca audicións para o corpo de baile do seu próximo espectáculo

[18/12/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de abrir o proceso de selección do corpo de baile da próxima produción do Centro Coreográfico Galego, un espectáculo que integrará tres creacións coreográficas a cargo doutros tantos directores artísticos. Os 6 bailaríns e 6 bailarinas finalmente elixidos iniciarán os ensaios en febreiro, cara á estrea desta nova montaxe a primeiros da primavera de 2011.

Segundo establecen as bases publicadas na web da Agadic, os interesados en participar nas audicións que terán lugar os días 17 e 18 de xaneiro na Coruña teñen de prazo ata o vindeiro día 28 para remitir as súas solicitudes ao CCG. Todos os aspirantes que reúnan os requirimentos esixidos e soliciten a súa participación na forma e prazo establecidos serán admitidos a estas audicións, que se desenvolverán na sede que o Centro Coreográfico Galego ten no Complexo Deportivo de Elviña.

Tres fases
As devanditas probas constarán de tres fases, comezando pola participación dos candidatos nunha clase de danza clásica académica dunha hora e media de duración. Os que superen esta primeira fase, de carácter eliminatorio, disporán dun tempo máximo de cinco minutos para executar de xeito individual unha variación clásica ou contemporánea, así como unha improvisación.

Terán, asemade, unha entrevista persoal co tribunal encargado da selección, do que formarán parte a directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, e as profesoras de danza da unidade coreográfica da Agadic, así como os directores artísticos das pezas que conformarán o novo espectáculo.

Os bailaríns finalmente seleccionados poderán formalizar un contrato de traballo sometido á lexislación que regula a relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos, cunha remuneración de 1.450 euros mensuais. A súa duración estenderase ata finais do mes de xuño.

A dirección do Centro Coreográfico Galego prevé que os ensaios con todo o corpo de baile -así como co resto do equipo artístico implicado- se desenvolvan durante dous meses a partir da formalización destes contratos, de xeito que o novo espectáculo poida estrearse diante do público a finais de marzo de 2011.

Ligazóns