Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TRINTA AXENTES MUSICAIS DE GALICIA, CATALUÑA, CANARIAS, BRASIL, PORTUGAL, ALEMAÑA, FRANCIA E POLONIA PARTICIPAN NESTA NOVA EDICIÓN DO FORO

A Agadic promove un encontro profesional sobre os novos mercados culturais no festival Cantos na Maré

[17/12/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo promove o foro profesional Cantos na Maré Rede 2010, que se celebra hoxe e mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra no marco do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré. Unha trintena de axentes vinculados ao sector musical de Galicia, Cataluña, Canarias, Brasil, Portugal, Alemaña, Francia e Polonia participarán nestas sesións de traballo co obxectivo de definir novas fórmulas para os mercados culturais, cunha especial atención ao ámbito da música.

Cantos na Maré Rede

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, abrirá o encontro que, baixo o título xenérico "Outros mercados son posíbeis?", dará comezo ás 17.00 horas de hoxe e continuará mañá en sesións matinal e vespertina. Esta tarde iniciarase o chamado proceso de "inmersión", destinado a reflexionar sobre os modelos actuais cara á detección de problemas e oportunidades.

Así, en Cantos na Maré Rede analizaranse experiencias como os recentes Culturgal (Feira das Industrias Culturais), MACC (Mercado Atlántico de Cultura Contemporánea) e Feira Galega das Artes Escénicas, entre outras propostas. A finalidade é atopar modelos que resulten eficaces como instrumentos para a creación, produción, distribución e exhibición de produtos artísticos e culturais.

O foro continuará na mañá do sábado cunha sesión arredor da "futurización", durante a que se describirán os posibles escenarios futuros e se analizará como aproveitar as súas potencialidades. A terceira sesión será a de "prototipado", na que se tratará de construír un modelo efectivo para o futuro. Na tarde do sábado exporanse as conclusións.

Galicia como ponte[
Cantos na Maré Rede aposta pola cooperación, primando enfoques con capacidade para impulsar novos modelos sociais e produtivos, tamén nun sector como o da cultura e, en especial, no da música. No caso concreto deste festival, a cooperación está aberta a todos os países do ámbito da lusofonía, empregando as linguas galega e portuguesa como una ferramenta de entendemento para deseñar dinámicas e actividades produtivas de futuro. Búscase, así mesmo, promover e impulsar o papel de Galicia como ponte cara á creación dun espazo de encontro de dimensión atlántica, atendendo ás raíces históricas e culturais que nos unen a outros territorios atlánticos.

Esta é a terceira edición do encontro Cantos na Maré Rede como parte do Festival Internacional da Lusofonía, que produce Nordesía e organiza o Concello de Pontevedra co patrocinio da Agadic e a colaboración de Caixanova, Instituto Camões, Ponte… nas Ondas! e Asociación de Intérpretes y Ejecutantes (AIE). Baixo a dirección artística de Uxía e a dirección musical de Paulo Borges, o festival Cantos na Maré reunirá a Lenine (Brasil), Guadi Galego (Galicia), António Zambujo (Portugal) e Aline Frazão (Angola) nunha cita musical única que dará comezo ás 21.00 horas de mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Documentación
Ligazóns