Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG INICIARÁ EN LUGO A XIRA GALEGA DO ESPECTÁCULO

O Salón Teatro acolle as tres últimas funcións de 'O regreso ao deserto'

[16/11/2006] Arredor de 2.000 espectadores asistiron até o momento en Santiago ao espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) O regreso ao deserto, do dramaturgo francés Bernad-Marie Koltès, que esta fin de semana ofrece as súas tres derradeiras funcións no Salón Teatro. As entradas para asistir a estas representacións -mañá e o sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00- poden adquirise no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do comezo da montaxe, a un prezo de 10 € sobre o que se aplican os descontos habituais.

Serán, en total, 22 funcións as que o CDG terá ofrecido en Compostela con esta produción, que dirixe Cristina Domínguez Dapena e interpreta un elenco de 14 actrices e actores (Celso Parada, Luísa Merelas, Toni Salgado, Rocío González, Alberto Rolán, Ursia Gago, Josefa Barreiro, Pilar Pereira, Manuel Areoso, Robert Matthews, Mohamed Azibou, César Goldi, Alfredo Rodríguez e Vicente Montoto).

A continuación, O regreso ao deserto iniciará unha xira que se prolongará até o mes de xaneiro e durante a que visitará outras oito localidades galegas: Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 24 de novembro), Pontevedra (Teatro Principal, 2 de decembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 5 e 6 de decembro), Ferrol (Teatro Jofre, 9 e 10 de decembro), Ourense (Teatro Principal, 20 e 21 de decembro), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 7 de xaneiro), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 de xaneiro) e Narón (Auditorio Municipal, 19 e 20 de xaneiro).

A montaxe de O regreso ao deserto –primeira versión en galego do texto, realizada a partir da tradución de Fernando Moreiras– supón a incorporación ao noso repertorio escénico da derradeira peza estreada en vida por Koltès (Metz, 1948-París, 1989), considerado como unha das máis salientables figuras da dramaturxia europea contemporánea.

A obra constata o deterioro das relacións Norte-Sur, así como os profundos cambios sociais derivados da inmigración, a través do conflito que o autor sitúa nun contorno pechado –unha familia dunha vila francesa de provincias nos primeiros anos sesenta–, no que se deixa notar a presenza inquietante e difusa da guerra de Alxeria.

O espectáculo dá comezo cando, tras quince anos de exilio nese país africano, Matilde (Luísa Merelas) regresa cos seus dous fillos á casa que herdara do seu pai, pero da que se apropiou o seu irmán Adrián (Celso Parada). A protagonista volta con intención de vingarse da súa familia e da sociedade burguesa que a rodea por un pasado de agravios e inxustizas. Así, con ela, o enfrontamento instálase tamén no ámbito familiar: o matriarcado contra o patriarcado, o Sur contra o Norte, os nómades contra os sedentarios, os desposuídos contra os propietarios, os pobres contra os ricos.

Os conflitos domésticos relacionados con historias de cobiza, herdanzas e fillos ilexítimos mestúranse, pois, con outros de maior alcance, como a guerra ou a discriminación en diferentes manifestacións. A escenografía móbil deseñada por Xoán Anleo e a iluminación de Octavio Mas fan fincapé neste ambiente de tensión e cambio, ao tempo que o espazo sonoro de Ugia Pedreira e o vestiario e estilismo de La Canalla (Francisco J. Soto e Patricia Soto) inciden na idea de mestizaxe social e cultural.