[16/12/2010] Un total de 2.014 espectadores asistiron ata o momento ás representacións no Salón Teatro de Santiago da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Salomé, dirixida por Carlos Santiago a partir da obra de Oscar Wilde. O espectáculo da compañía pública despídese deste escenario con tres últimas funcións o venres 17 e o sábado 18, ás 20.30 horas, e o domingo 19, ás 18.00 horas, para iniciar despois unha extensa xira por un total de once escenarios galegos e tres portugueses.
A través dunha posta en escena arriscada, Salomé ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio evanxélico recreado polo gran autor irlandés, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos compoñen o elenco interpretativo que dá vida os 15 personaxes da historia.
Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.
Dezasete pases en Santiago
Tras este período de exhibición no Salón Teatro, onde Salomé terá ofrecido un total de 17 pases, o CDG iniciará unha extensa xira que levará este espectáculo a outros dez escenarios de toda Galicia ata completar unhas corenta funcións no mes de marzo. O Centro Cultural Caixanova de Vigo será o día 8 de xaneiro o primeiro destino desta xira galega, que continuará no Teatro Lauro Olmo do Barco (14 de xaneiro), Auditorio Municipal de Vilagarcía (4 de febreiro), Auditorio Gustavo Freire de Lugo (10 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (18 de febreiro), Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 e 5 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo).
Ademais, a obra viaxará a Portugal, en concreto ao Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (22 de xaneiro), Teatro Acert de Tondela (26 de xaneiro) e Teatro-Circo de Braga (28 e 29 de xaneiro). Finalmente, o período de exhibición do espectáculo rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán catro novas funcións.
A venda anticipada de entradas para as representacións de Salomé en Santiago está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do Salón Teatro poden adquirirse o venres e o sábado de 18.30 a 20.30 horas e o domingo de 16.00 a 18.00 horas. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para a do domingo, día do espectador.