Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PRAZO DE RECEPCIÓN DE ORIXINAIS REMATA O 31 DE DECEMBRO

CDG e Radio Galega convocan a quinta edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico

[10/12/2010] O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega convocan a quinta edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico, único das súas características en Galicia e pioneiro a nivel estatal no fomento da escrita de textos dramáticos para a radio. O galardón, que conta co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), consolida así a súa traxectoria a prol da recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea, facilitando unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes.

Detalle da imaxe do Premio Diario Cultural

Esta nova edición do Premio, que o título do programa da Radio Galega decano da información cultural en Galicia, desenvolverase ao longo de toda a temporada. O prazo de recepción de orixinais remata o próximo 31 de decembro e, a continuación, constituirase un xurado para a súa avaliación.

Proceso de selección
Integrado por profesionais do mundo da escena e por dous representantes do espazo Diario Cultural, este xurado seleccionará as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un equipo de actores e actrices coordinados polo CDG. As dramatizacións emitiranse en distintos programas da radio pública galega. Das emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada finalmente; e a audiencia votará o texto que recibirá o premio do público.

Cada unha das dúas categorías do galardón conta cunha dotación de 3.000 euros e as obras finalistas serán publicadas nun libro-cd. Tamén está prevista unha gala de entrega de premios para a que se empregará o formato de "espazo radioescénico", deseñado como unha emisión especial do programa Diario Cultural na que os actores e actrices interpretarán en directo e diante do público as obras galardoadas.

Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático, estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de entre dez e doce minutos e terán cinco personaxes como máximo. A temática dos argumentos é libre e os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión.

Anteriores gañadores
David Rodríguez foi o gañador da primeira edición do Premio "Diario Cultural" con O Bambam. A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio do público. Na segunda edición distinguíronse os títulos O mal da vaca, de Begoña García Ferreira, como premio do xurado e Saltimbanqui de Lois Pérez, premio da audiencia. Na terceira edición, os escritores Rubén Ruibal e César Candelas recolleron tanto o galardóns do público coma o do xurado polo texto Peter Buckley e na edición de 2010, Vanesa Martínez Sotelo foi galardoada polo xurado co texto Indoor e Begoña García Ferreira, polo público con O vento da illa.

Documentación