Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AMBOS OS ENCONTROS DESENVOLVERANSE ENTRE O 16 E O 18 DE DECEMBRO

A Agadic organiza na illa de San Simón dúas "master class" de música tradicional con Kepa Junquera e Antonio Placer

[07/12/2010] Kepa Junquera (na imaxe) e Antonio Placer protagonizarán as dúas últimas citas do terceiro ciclo de master class de música tradicional que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Os instrumentos tradicionais vascos e a relación entre creación vocal e improvisación serán os eixos temáticos destas clases maxistrais, que se desenvolverán do 16 ao 18 de decembro na sede da Fundación Illa de San Simón, na ría de Vigo.

Kepa Junquera

O compositor, produtor e músico bilbaíno Kepa Junkera -mestre do acordeón diatónico vasco coñecido como trikitixa- abordará, a modo de obradoiro, a técnica e a maneira de tocar instrumentos tradicionais vascos: ademais da trikitixa, o pandeiro, a txalaparta de madeira e a txalaparta de pedra, entre outros. Tratarase sobre a orixe e a evolución no tempo de cada instrumento e os seus diferentes tipos, tamaños e materiais, as variedades que existen ou existiron no País Vasco, así como o uso que se lles foi dando ao longo do tempo.

Voz e corpo como instrumentos
Na outra clase maxistral, que leva por título Creación vocal e improvisación, Antonio Placer, cantor, compositor e poeta galego afincado en Grenoble (Francia), proporá enfocar a creación musical a través do traballo de improvisación, usando a voz e as percusións corporais cos tempos de composición. Para isto, levaranse a cabo exercicios de tonicidade, respiración, relaxación, xogos vocais musicais, xogos de ritmos e percusións corporais. O resultado será a unión da voz ao corpo, ás súas capacidades de expresión, intención e emoción.

Conclúe así este terceiro ciclo de master class, que dera comezo o pasado mes de novembro cun encontro co violinista e compositor estadounidense Steven Greenman, recoñecido internacionalmente como un dos mellores intérpretes do violín klezmer. Xunto con el, os participantes tiveron a oportunidade de achegarse á milenaria tradición da música klezmer no leste de Europa, afondando no repertorio do folk xudeu para instrumentos de corda.

Cada encontro ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. Estes son seleccionados directamente polos mestres en función dos seus méritos e deben achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, aínda teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.

Encontro con Michael McGoldrik
A Agadic apoia, así mesmo, a master class que o británico de orixe irlandesa Michael McGoldrik impartirá aos alumnos da E-TRAD (Escola de Música Folk e Tradicional) de Vigo na tarde do venres 10 de decembro. Recoñecido intérprete de frauta, mandolina, guitarra e gaita irlandesa, McGoldrik formou parte da mítica banda escocesa Cappercaille.

Na actualidade, está a iniciar un proxecto musical coa su propia banda, a Michael McGoldrick Band, ao tempo que ocupa o posto do músico John McCuster xunto con Tim O'Brien na xira mundial do guitarrista e cantante Mark Knopfler, fundador dos Dire Straits.

Ligazóns