[06/12/2010] O programa formativo do Centro Coreográfico Galego (CCG) para 2010 chega ao seu fin este mes de decembro coa celebración dun taller de acompañamento musical impartido polo pianista Roberto Beceiro. Dirixido tanto a profesores de danza como a pianistas acompañantes, o obradoiro desenvolverase entre os días 13 e 17 na sede do CCG na Coruña.
O curso, de carácter eminentemente práctico, centrarase no repertorio para as clases de danza clásica, abordando os diferentes estilos de música posibles. Ademais, e a través de diferentes exercicios, buscarase a participación activa de todo o alumnado. Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro día 10 para formalizar a súa inscrición.
A unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) completa así o seu plan de formación anual, no marco do que organizou un ciclo de sete master class de danza clásica e contemporánea cos mestres Hervé Ilari, Cristina Ruiz Pérez, Raúl Moreno, Luciano Gómez, Bárbara Monteagudo, Armando Martén e os integrantes da Merce Cunningham Dance Company Jennifer Goggans e Robert Swinston. Xa na segunda metade do ano, Ana Abad Carlès e Calixto Albán Laxe impartiron outros dous obradoiros dirixidos a profesionais e estudantes de nivel medio-alto, ao tempo que as profesoras do Centro Coreográfico Beatriz Ponlla e Belén Vázquez se encargaban das clases abertas de danza clásica arredor do espectáculo Etheria. A viaxe soñada.
Pianista do CCG
Roberto Beceiro é pianista do Centro Coreográfico Galego, onde ademais de acompañar os membros do corpo de baile durante as clases e ensaios, participa nos diferentes cursos organizados no Centro e impartidos por destacados profesionais, como Janusz Subicz ou Martín Padrón.
Os seus inicios na música veñen da man de seu pai, de quen recibe as primeiras clases en Ferrol, a súa cidade natal. Aos 13 anos inicia a súa andaina profesional como guitarrista en diferentes grupos, aínda que axiña se centra no piano e obtén o título de profesor no Conservatorio da Coruña coa profesora Jeannette Romero. Paralelamente, entra en contacto coa danza clásica e, entre os 18 e os 21 anos, traballa na academia de Pauloska Pérez-Lago en Ferrol.
Amplía os seus estudos na Universidade de Alcalá de Henares, onde recibe os consellos de mestres de categoría internacional como Boris Berman, Rita Wagner, Paul Badura-Skoda, Charles Rosen e Maria Eckard, entre outros.
A partir do ano 2000 únese ao Evangelista Jazz Quartet e á BigBand do Conservatorio da Coruña, traballando tanto repertorio standard como temas orixinais de compositores galegos. Forma parte do Ballet Galego Rey de Viana entre 2002 e 2005 e é pianista do Centro Coreográfico dende a súa fundación, en 2006.