Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN GALEGA DE DESEÑADORES CO APOIO DA AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS, CELÉBRASE ENTRE HOXE E O DÍA 4 E DO 16 AO 18 NA CASA DAS CAMPÁS

O Feet 2010 reúne en Pontevedra a profesionais do deseño gráfico de Galicia e Portugal como última cita de CREATIVA

[02/12/2010] O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández Fasero, inaugurou esta mañá en Pontevedra o Foro de Edición e Tipografía Feet 2010, que se desenvolverá na Casa das Campás arredor de mesas redondas, conferencias, presentacións de obras e talleres que congregarán a destacados profesionais procedentes de toda a Península. Organizado pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG), o encontro terá lugar ata o sábado 4 e do día 16 ao 18 como derradeira cita do programa europeo CREATIVA, que a Agadic promove xunto coa portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte para a difusión e o intercambio entre as industrias culturais da eurorrexión.

Presentación Feet 2010

No acto de presentación, no que tamén participou Uqui Permui, presidenta da DAG, Fasero cualificou o sector do produto gráfico como "estratéxico" no conxunto da industria cultural, á que -segundo o informe As cifras da industria cultural galega- achega o maior número de empresas, volume de negocio, nivel de emprego e número de exportacións. Ao tempo, o director da Agadic salientou a creatividade e a capacidade de innovación deste sector como os seus principais valores engadidos no marco dun mercado en profunda transformación.

Sector estratéxico
De acordo co estudo promovido pola Agadic, das 2.153 empresas culturais censadas en Galicia en 2008 -último exercicio con datos dispoñibles durante a redacción do documento-, un 50,63% desenvolve a súa actividade principal no marco da produción gráfica, que inclúe publicidade (o grupo máis numeroso), impresión, edición, comercialización, xornais, revistas, deseño gráfico, rotulación, serigrafía e acabados. Ademais, os máis de 735 millóns de euros que facturaron estas sociedades, representan o 67% do volume de negocio global da industria cultural galega, mentres que os seus 6.850 afiliados á Seguridade Social supoñen o 63% do total.

As diferentes estratexias e soportes empregados hoxe en día no ámbito da edición serán o eixo central do Feet 2010, que dá comezo hoxe co Taller de edición e xestión de revistas de arte experimentais a cargo de Pepe Murciego e Diego Ortiz, responsables da plataforma madrileña La Más Bella. Este primeiro obradoiro desenvolverase ata o sábado 4, mentres que entre os días 16 e 18 de decembro celebrarase un segundo obradoiro sobre tipografía impartido polo deseñador catalán Andreu Balius, recoñecido como un dos referentes internacionais da creación tipográfica. En ambos casos, as prazas esgotáronse en poucos días.

Participación portuguesa
Para o resto das actividades do Foro de Edición e Tipografía, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade. A Casa das Campás acollerá na tarde de mañá venres a presentación da obra Uma terra sem gente para gente sem terra. Um livro de colorir sobre a Palestina que, realizada polo portugués Nuno Coelho en colaboración con Adan Kershaw, ofrece un discurso visual arredor da tensión social que na vida cotiá dos cidadáns palestinos xera o conflito árabe-israelí.

O sábado 4 celebrarase a mesa redonda A edición como campo aberto de expresión, na que intervirán os creativos portugueses Isabel Carvalho e Pedro Nora -directores de Braço de Ferro, editorial de referencia no ámbito da arte e o deseño no país veciño- xunto cos galegos Manuel Bragado, director de Edicións Xerais; Tati Mancebo, da empresa de xestión cultural Algueirada; Pepe Barro, responsable do estudio Grupo Revisión, e Ángel Cerviño, escritor e artista visual.

Ademais, o investigador e profesor de Deseño na Facultade de Belas Artes de Pontevedra Marcos Dopico impartirá o día 16 a conferencia Aínda que chova… deseña. Deseño gráfico en Galicia na era global, mentres que o día 17 o portugués Dino dos Santos ofrecerá un relatorio sobre o deseño de tipos para xornais.

Exposición
Coincidindo coa celebración do Feet, a Casa das Campás será tamén a sede dunha exposición de obras gráficas que poderá visitarse ata o 16 de decembro. Nela exhibiranse as creacións dunha decena de editoras de diferentes países, como Shift! (Alemaña), Clase Turista (Arxentina), La Más Bella (España), as portuguesas Braço de Ferro e Oficina do Cego ou a galega Entrecruzar, entre outras.

Co Feet 2010 chega ao seu fin o programa CREATIVA, que deu comezo a finais de 2009, apoiando dende entón unha trintena de actividades que van dende exposicións e espectáculos abertos ao público ata foros e obradoiros profesionais sobre os diferentes sectores da industria creativa, como o produto gráfico, o audiovisual, as artes escénicas ou a música.

Ligazóns