Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DENTRO DO SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES PARALELAS

O Curso de Saxofón da EAEM ofrece catro concertos abertos ao público

[16/11/2006] Un total de 18 alumnos activos está a participar dende onte no Curso de Saxofón que, organizado pola Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), imparten en Santiago os mestres franceses Claude Delangle e Marie-Bernadette Charrier. De xeito complementario ás sesións lectivas, que se prolongarán até o vindeiro 1 de decembro, o encontro conta cun programa de actividades abertas ao público xeral dentro do que terán lugar catro concertos, unha sesión de análise de repertorio e unha conferencia co saxofón como protagonista.

Esta programación paralela dá comezo ás 20.00 horas desta tarde co concerto que ofrece na sede da EAEM o Cuarteto de Saxofóns S@x21, grupo que actuará así mesmo na sesión de clausura do curso, o día 1, ás 18.00 horas. Centrado na interpretación e creación de música contemporánea, este conxunto galego vai máis alá da tradicional concepción do cuarteto de saxofóns para ofrecer múltiples combinacións e permutacións instrumentais. Os seus integrantes, que teñen realizado numerosos concertos en Galicia e Portugal, estudaron en diferentes conservatorios galegos e coincidiron nos Seminarios Permanentes de Saxofón impartidos por Andrés Gomis, ademais de ter estudado xunto á profesora Charrier en Bordeos.

ACTUACIÓN NO CONSERVATORIO

As actividades complementarias continuarán mañá, ás 20.00 horas, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago coa actuación do mestre Claude Delangle, quen estará acompañado por Marie Kobayashi. Profesor do Conservatorio Nacional Superior de Música de París, Delangle é dende 1986 saxofonista convidado na Ensemble Intercontemporaine e actúa como solista con prestixiosas orquestras como a London BBC, Radio France, Radio de Finlandia, WDR Köln, Filharmónica de Berlín e Kioi Tokio, entre outras, ademais de ser solicitado a cotío para impartir cursos de interpretación en diferentes países de Europa, América, Australia e Asia.

Pola súa banda, a mestra Marie-Bernadette Charrier, profesora de saxofón no Conservatorio Nacional da Rexión de Bordeos, actuará o día 29 de novembro, ás 20.30 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Atraída por todas as correntes da música actual, Charrier conta cunha intensa carreira internacional como solista e como membro do conxunto de cámara Ensemble Proxima Centauri, do que é directora artística. Mentora de toda unha xeración de músicos contemporáneos a través da súa clase de interpretación en Bordeos, Marie-Bernadette Charrier ten dedicadas máis de sesenta obras orixinais para saxofón, ademais de ter gravados dez traballos discográficos.

O Curso de Saxofón da EAEM, dentro do que o día 30 se celebrará unha sesión de análise de repertorio a cargo de XAS-Iannis Xenakis e o día 1 unha conferencia impartida por Christoph Havel, consta ademais de seis xornadas de clases individuais nas que os alumnos matriculados traballan directamente con Claude Delangle (do 15 ao 17 de novembro) e con Marie-Bernadette Charrier do 29 de novembro ao 1 de decembro).