Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PRODUTO GRÁFICO, AUDIOVISUAL, MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS FACTURARON MÁIS DE 1.000 MILLÓNS DE EUROS EN 2008, CUNHA MEDIA PRÓXIMA AOS 700.000 EUROS POR EMPRESA

O tamaño da industria cultural galega medra un 2,33 por cento e confirma o seu potencial como xeradora de riqueza e emprego

[30/11/2010] O tecido industrial da cultura galega experimentou un incremento do 2,33% nos últimos dous anos, cun total de 6.931 empresas rexistradas a principios de 2010 en actividades que van desde a creación artística ata a comercialización de produtos culturais. Estes son algúns dos datos do informe As cifras da industria cultural galega, promovido pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) co obxectivo de ofrecer unha análise cuantitativa dos principais indicadores económicos dun sector que factura 1.000 millóns de euros. Neste sentido, o estudo confirma o potencial da cultura como xeradora de riqueza e de emprego.

Imaxe da presentación do informe

O documento foi presentado esta mañá diante dos representantes de diferentes empresas e entidades vinculada á industria cultural polo director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, quen estivo acompañado por Adolfo Neira Lamas, socio consultor da empresa Estrategia y Organización S.A. (EOSA), autora do traballo.

Comercio e creación
O incremento no tamaño da industria cultural galega, que contrasta coa tendencia negativa do conxunto do tecido industrial no período 2008-2010, extráese dos datos do Directorio Central de Empresas do Instituto Nacional de Estadística (INE), de acordo co que o peso relativo das empresas culturais sobre o total galego ascende a un 3,49 por cento en 2010 respecto ao 3,34 por cento rexistrado en 2008.

O grupo máis numeroso entre as máis de 6.900 empresas recollidas neste directorio corresponde ao "Comercio polo miúdo de artigos culturais e recreativos en establecementos especializados", un dos 13 epígrafes identificados coa industria cultural no marco da Clasificación Nacional da Actividade Económica (CNAE). Nesta categoría sitúanse os negocios de venda de libros, discos, artigos culturais, xornais e outras publicacións, que representan o 30% do total, seguidos das empresas dedicadas a "actividades de creación, artísticas e espectáculos" e á publicidade, cun 19% e un 17% respectivamente.

Atopámonos, non obstante, ante unha industria moi atomizada, na que a gran maioría das empresas contabilizadas polo INE sitúanse en réxime de autoemprego ou cotan con menos de 10 traballadores. Segundo aclara o informe, esta circunstancia permite unha maior flexibilidade e adaptación ás variacións do mercado, dificultando en contrapartida o acceso a algunhas fontes de financiamento e a comercialización fóra de Galicia.

Fontes primarias
O proceso de documentación e análise de As cifras da industria cultural galega foi desenvolvido en 2010 a partir de diferentes fontes, a maioría delas de carácter oficial e primario. Xunto co INE, a Tesorería General de la Seguridad Social, o Observatorio Audiovisual Galego, o Instituto Galego das Cualificacións, a base ESTACOM do Instituto de Comercio Exterior (ICEX) ou a Sociedad General de Autores y Editores (SGAE), unha das achegas máis relevantes para este traballo foi a información económica e financeira procedente do Rexistro Mercantil e proporcionada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, que permitiu o deseño de bases de datos ad hoc para cada un dos grupos sectoriais estudados: produto gráfico, audiovisual, música, artes escénicas e outras actividades.

A través deste sistema obtivéronse datos detallados sobre o exercicio 2008 -último dispoñible para a súa consulta no momento da redacción do informe-, segundo o que o número de empresas culturais censadas en Galicia ascende a 2.153, das que un 50,63% corresponde ao produto gráfico, un 22,99% ao audiovisual, un 18,95% á música e un 7,43% ás artes escénicas.

Un 17% máis de facturación
Esta distribución porcentual varía sensiblemente cando a análise se focaliza nas cifras de facturación, que sumaron máis de 1.096 millóns de euros en 2008 cunha media superior aos 698.000 euros por empresa e un crecemento do 17,36% desde 2006. Neste caso, o 67,05% do total foi facturado polo produto gráfico, o 22,70% polo audiovisual, o 8,78% pola música e o 1,47% polas artes escénicas.

En termos laborais, o emprego xerado pola industria cultural galega en 2008 equivale a preto de 11.000 postos de traballo a tempo completo, cun incremento do 2,67% respecto ao exercicio anterior. Porén, esta cifra elévase a 15.679 persoas se atendemos ao rexistro de afiliados á Seguridade Social en 2009, que contempla tanto os traballadores por conta propia como por conta allea. Neste último caso, o número de afiliados está cinco puntos por riba do conxunto da economía galega.

En canto aos dereitos de autor e centrándonos nos datos facilitados pola SGAE respecto a 2009, Galicia conta con 2.929 autores asociados -un 3% do total dos membros da sociedade en España- e recada máis de 20 millóns de euros en dereitos, contía que supón o 6,8% dos ingresos globais desta entidade.

Comercio exterior
O comercio exterior preséntase como un punto débil da industria cultural galega, a teor dos datos de 2009 facilitados polo ICEX, que considera cinco sectores culturais (editorial, artes gráficas, música, obras de arte e audiovisual). Este conxunto de produtos representa só o 0,04% das exportacións galegas, porcentaxe que -segundo sinala o informe- está directamente relacionado coa reducida dimensión das empresas, circunstancia que lles resta capacidade para operar individualmente noutros mercados.

Máis da metade das vendas fóra de España corresponden a produtos editoriais, mentres que as artes gráficas e o audiovisual sitúanse no 22% do total. Portugal é, ademais, o principal importador de cultura galega (41%), moi por diante de Israel, Francia, Brasil e Australia que completan, por esta orde, os primeiros cinco destinos deste tipo de produtos.

Tendo en conta que o sector cultural se estende a actividades non contempladas no Rexistro Mercantil, así como o peso da contratación temporal asociada a producións concretas en ámbitos como o audiovisual, a música ou as artes escénicas, o informe As cifras da industria cultural galega inclúe tamén aproximacións ás áreas obxecto de estudo a través da información manexada polas principais asociacións profesionais.

Festivais e verbenas
Da valoración destas achegas, extráense datos referentes á importancia da chamada "industria da verbena" que, cun volume de negocio anual próximo aos 94 millóns de euros e máis de 4.500 empregos, se consolida como a actividade musical que xera máis recursos e traballo en Galicia.

O documento incide así mesmo nas cifras dos festivais (máis de 12 millóns de euros e preto de 10.000 empregos temporais) ou no volume de emprego vinculado ás rodaxes audiovisuais (3.500 contratacións anuais) e ás representacións teatrais (850 empregos).

Documentación