Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN GALEGA DE DESEÑADORES, CELEBRARASE DO 2 AO 4 E DO 16 AO 18 DE DECEMBRO NA CASA DAS CAMPÁS DE PONTEVEDRA

A Agadic finaliza as actividades do programa CREATIVA co apoio ao Foro de Edición e Tipografía Feet 2010

[24/11/2010] O programa europeo CREATIVA para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e o norte de Portugal chegará ao seu fin o vindeiro mes de decembro coa celebración na Casa das Campás de Pontevedra do Foro de Edición e Tipografía Feet 2010. Profesionais galegos e portugueses participarán nas mesas redondas, conferencias, presentacións e obradoiros que se desenvolverán do 2 ao 4 e do 16 ao 18 de decembro baixo a organización da Asociación Galega de Deseñadores (DAG) e co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no marco desta iniciativa transfronteiriza.

Feet 2010

Con financiamento dos fondos FEDER da Unión Europea e promovido conxuntamente pola Agadic e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte, a programación de CREATIVA deu comezo a finais de 2009, apoiando dende entón unha trintena de actividades que van dende exposicións e espectáculos abertos ao público ata foros e obradoiros profesionais sobre os diferentes sectores da industria creativa, como o produto gráfico, o audiovisual, as artes escénicas ou a música.

Prazas esgotadas
As diferentes estratexias e soportes empregados hoxe en día no ámbito da edición serán o eixo central do Feet 2010, que dará comezo o vindeiro 2 de decembro co "Taller de edición e xestión de revistas de arte experimentais" a cargo de Pepe Murciego e Diego Ortiz, responsables da plataforma madrileña La Más Bella. Este primeiro obradoiro desenvolverase ata o sábado 4, mentres que entre os días 16 e 18 de decembro celebrarase un segundo obradoiro sobre tipografía impartido polo deseñador catalán Andreu Balius, recoñecido como un dos referentes internacionais da creación tipográfica. En ambos casos, a organización seleccionará os alumnos entre o amplo número de solicitudes recibidas para cubrir as prazas dispoñibles.

Para o resto das actividades do Foro de Edición e Tipografía, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade. A Casa das Campás acollerá o sábado día 4 a mesa redonda A edición como campo aberto de expresión, na que intervirán os creativos portugueses Isabel Carvalho e Pedro Nora -directores de Braço de Ferro, editorial de referencia no ámbito da arte e o deseño no país veciño- xunto cos galegos Manuel Bragado, director de Edicións Xerais; Tati Mancebo, da empresa de xestión cultural Algueirada; Pepe Barro, responsable do estudio Grupo Revisión, e Ángel Cerviño, escritor e artista visual.

Ademais, o investigador e profesor de Deseño na Facultade de Belas Artes de Pontevedra Marcos Dopico impartirá o día 16 a conferencia Aínda que chova… deseña. Deseño gráfico en Galicia na era global, mentres que o día 17 o portugués Dino dos Santos ofrecerá un relatorio sobre o deseño de tipos para xornais.

Pola súa banda, Nuno Coelho presentará neste foro a súa obra Uma terra sem gente para gente sem terra. Um livro de colorir sobre a Palestina, realizada en colaboración con Adan Kershaw e a través da que ofrece un discurso visual arredor da tensión social que na vida cotiá dos cidadáns palestinos xera o conflito árabe-israelí. Esta cita terá lugar na tarde do venres 3 de decembro.

Exhibición de obras gráficas
Coincidindo coa celebración do Feet, a Casa das Campás tamén será a sede dunha exposición de obras gráficas que poderá visitarse do 2 ao 16 de decembro. Nela exhibiranse as creacións dunha decena de editoras de diferentes países, como Shift! (Alemaña), Clase Turista (Arxentina), La Más Bella (España), as portuguesas Braço de Ferro e Oficina do Cego ou a galega Entrecruzar, entre outras. A DAG mantén aberto ata o 28 de novembro o prazo de recepción de propostas para participar nesta exposición, dirixida a publicacións especiais no campo da arte, do deseño ou da tipografía, en calquera formato ou material.

Antes deste encontro profesional, Pontevedra acollerá unha penúltima cita coa programación de CREATIVA, que terá lugar esta fin de semana no marco do Culturgal 2010. O foro As industrias culturais en tempos de crise. Retos, recursos e modelos de éxito será a actividade central deste programa europeo na Feira das Industrias Culturais, dentro da que tamén promove a celebración de dous concertos con artistas brasileiros, portugueses e galegos, así como exposicións, obradoiros e microfestivais.

Ligazóns