Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A "PERFORMANCE" DO CANDIDATO HERODES ANTIPAS DESVELA A ORIXE DA CAMPAÑA DO PARTIDO BONANZA E PROGRESO DE GALILEA COMO ACCIÓN PROMOCIONAL DESTA NOVA MONTAXE

O CDG desenvolve unha "pegada electoral" previa á estrea do seu espectáculo "Salomé"

[18/11/2010] O Centro Dramático Galego (CDG) desenvolveu esta mañá unha acción escénica diante do Salón Teatro de Santiago como parte da campaña promocional de Salomé, o novo espectáculo que a compañía pública estreará o 26 de novembro baixo a dirección de Carlos Santiago. A intervención estivo protagonizada por un dos personaxes desta versión da obra de Oscar Wilde, o candidato Herodes Antipas interpretado polo actor Pepe Penabade, quen levou a cabo a primeira pegada de carteis da montaxe.

Pepe Penabade como "Herodes Antipas"

Nesta performance, Herodes Antipas arengou aos seus seguidores cun acendido discurso electoral, que rematou ao grito de "Viva Galilea! Viva o Imperio Romano" e durante o que o candidato fixo un inciso para anunciar a estrea de Salomé no Salón Teatro, aproveitando para convidar a todos os seus "votantes" a "vir e disfrutar dun pouco de teatro, que nunca lle fai mal a ninguén"

Desvélase así a orixe da "campaña electoral" do partido Bonanza e Progreso de Galilea (BPg), despregada durante as últimas semanas en Compostela a través de carteis e insercións en autobuses urbanos, como acción promocional do Centro Dramático Galego. A partir de hoxe, a cartelería de Bonanza e Progreso será substituída pola da imaxe do espectáculo, asinada polo deseñador Fausto Isorna.

O novo espectáculo do Centro Dramático Galego será presentado aos medios de comunicación o vindeiro martes día 23 polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, xunto co equipo artístico de Salomé. Ademais de Pepe Penabade, María Mera (no papel de Salomé), María Salgueiro (Herodías), Hugo Torres (Iokanaan), Marcos Correa (mozo sirio) e Alberte Cabarcos (paxe de Herodías) integran o elenco desta montaxe, a través da que Carlos Santiago propón unha posta escena actualizada e unha lectura satírica da traxedia asinada polo dramaturgo irlandés.

Ligazóns