[17/11/2010] O violinista e compositor estadounidense Steven Greenman, recoñecido internacionalmente como un dos mellores intérpretes do violín klezmer, inaugura mañá o novo ciclo de master class de música tradicional que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) organiza na sede da Fundación Illa de San Simón, na ría de Vigo. Os participantes neste primeiro curso, que se estenderá ata o sábado día 20, terán a oportunidade de achegarse á milenaria tradición da música klezmer no leste de Europa, afondando no repertorio do folk xudeu para instrumentos de corda.
O mestre Greenman porá especial énfase en que os alumnos interioricen este tipo de música cantando as melodías, tocando "de oído" e familiarizándose co fraseo melódico e o acompañamento no folk xudeu, ao tempo que se abordará o repertorio klezmer non só a partir da música, senón tamén da tradición oral e a danza. Ademais, unha das tres sesións estará especialmente á ornamentación específica para violinistas e violistas no marco desta tradición musical. As clases culminarán nun concerto dos participantes co material aprendido.
Recoñecido polo seu virtuosismo e a súa precisión técnica como solista, Steven Greenman é tamén un afamado profesor de violín tradicional klezmer. Compaxina esta faceta pedagóxica cos concertos que ofrece como parte de diferentes formacións tradicionais e do seu Steven Greenman Klezmer Ensemble. Ten autoproducido, así memso, dúas gravacións de referencia que documentan as súas composicións: Stempenyu’s Dream (2004) e Stempenyu’s Neshome (2010), esta última coas súas melodías espirituais xudeas de autoría orixinal.
Próximos cursos
O ciclo completarase con outras dúas citas que terán lugar nas mesmas datas: 16, 17 e 18 de decembro. Nestes días, o compositor, produtor e músico bilbaíno Kepa Junkera -mestre do acordeón diatónico vasco coñecido como trikitixa- abordará, a modo de obradoiro, a técnica e a maneira de tocar instrumentos tradicionais vascos: ademais da trikitixa, o pandeiro, a txalaparta de madeira e a txalaparta de pedra, entre outros. Tratarase sobre a orixe e a evolución no tempo de cada instrumento e os seus diferentes tipos, tamaños e materiais, as variedades que existen ou existiron en Euskadi, así como o uso que se lles foi dando ao longo do tempo.
Na terceira master class, que leva por título Creación vocal e improvisación, Antonio Placer, cantor, compositor e poeta galego afincado en Grenoble (Francia), proporá enfocar a creación musical a través do traballo de improvisación, usando a voz e as percusións corporais cos tempos de composición. Para isto, levaranse a cabo exercicios de tonicidade, respiración, relaxación, xogos vocais musicais, xogos de ritmos e percusións corporais. O resultado será a unión da voz ao corpo, ás súas capacidades de expresión, intención e emoción.
Cada encontro ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. Estes serán seleccionados directamente polos mestres en función dos seus méritos e deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.