[13/11/2006] Un total de 14 alumnos inicia hoxe en Santiago o obradoiro titulado O tema.¿Sobre que queremos escribir?, impartido por Cándido Pazó como actividade inaugural do Centro de Creación Contemporánea, unha nova liña de traballo do Centro Dramático Galego (CDG), que nace para prestar apoio aos autores na súa exploración de tendencias e linguaxes textuais e xestuais.
O encontro desenvólvese no Salón Teatro até o venres 17, en horario de 17:00 a 20:00; e céntrase nos diferentes aspectos que se dan no primeiro tramo do proceso de creación dun texto, como son a escolla dos temas e motivos de teatralización, a dirección de conflitos e a valoración dos potenciais puntos de partida. A función de Pazó (Vigo, 1960) é prestar a súa longa experiencia e exitosa traxectoria profesional como autor, director de escena, narrador oral e actor na coordinación dos proxectos dos asistentes, así como na revisión do nivel de desenvolvemento dos traballos dos alumnos.
A iniciativa, que se dirixe a todas aquelas persoas con interese na escrita teatral, preferiblemente con experiencia ou con formación probada en artes escénicas, tivo unha rápida e positiva acollida entre os seus potenciais destinatarios, xa que o número de solicitudes de interesados axiña rebasou o de prazas previsto.
CONTINUIDADE DURANTE SEIS MESES
Este primeiro seminario forma parte do curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade, no que ao longo dos próximos seis meses, haberá outros dous obradoiros. Así, o autor valenciano Paco Zarzoso guiará do 29 de xaneiro ao 2 de febreiro un segundo encontro titulado A estrutura dunha peza; que se centrará nos aspectos estruturais, de desenvolvemento de camiños e estratexias dramatúrxicos a partir dos temas seleccionados. O dramaturgo, poeta e novelista portugés Abel Neves farase cargo do 5 ao 9 de marzo do terceiro obradoiro, Encontro para o diálogo, no que se porá énfase no tocante á estilística, construción de personaxes, diálogos e resolución de finais.
Durante a súa estadía no Centro de Creación Dramática Contemporánea, os participantes escribirán un texto breve que, arrincará no primeiro dos seminarios, tomará forma no segundo e quedará practicamente rematado no terceiro. Como colofón, no mes de maio o CDG organizará a presentación pública dos textos traballados mediante a lectura dramatizada levada a cabo por grupos artísticos formados polos alumnos de escolas de interpretación. Deste xeito, levarase a cabo un primeiro achegamento á lectura como filtro entre o texto escrito e a súa representación, aínda que tamén se valorará a posibilidade de publicación dos textos.