Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

COPRODUCIDOS RESPECTIVAMENTE POLO CDG E O CCG, AMBAS MONTAXES ATÓPANSE EN XIRA POR DIFERENTES TEATROS E FESTIVAIS ESPAÑOIS

Os espectáculos galegos "Super8" de Voadora e "Ovay" de Quique Peón represéntanse en Madrid

[12/11/2010] As compañías galegas Voadora e Quique Peón Cía. atópanse estes días en Madrid para presentar os seus últimos espectáculo, Super8 e Ovay (na imaxe), coproducidos respectivamente polo Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Coreográfico Galego (CCG). A montaxe da plataforma Voadora escenifícase na Sala Triángulo, onde mañá sábado terá ofrecido un total de tres funcións; mentres que Quique Peón foi seleccionado polo Festival Internacional Madrid en Danza para actuar, tamén mañá, no Centro Cultural Pilar Miró.

Ovay

Voadora chega a Madrid con Super 8 como primeira parada da xira que desenvolverá dentro do circuíto da Red de Teatros Alternativos, asociación integrada por 34 espazos escénicos de 12 comunidades autónomas. O Teatre de Ponent en Granollers (19-21 de novembro), a Sala Cero de Sevilla (10-12 de decembro) e o Teatre Sans de Mallorca (27-30 de xaneiro) serán os escenarios onde recalará proximamente esta comedia musical, que o pasado día 7 foi representada en Santander no marco da VI Muestra de Teatro y Danza Contemporáneos, organizada así mesmo pola Rede de Teatros Alternativos.

Cine en escena
Teatro, música en vivo e danza únense en Super8 que, partindo do cine como metáfora da memoria e da memoria como teatro do vivido, xira arredor duns personaxes que se debaten entre a obsesión por recordar e a importancia de esquecer. É, ademais, a segunda entrega da triloxía Lugares comúns e a terceira produción asinada por Voadora, compañía galega con vínculos en Portugal na que os seus integrantes conforman unha plataforma de creación multidisciplinaria na que traballan a partir da experimentación, o xogo e a procura de novas linguaxes.

Nesta coprodución, estreada o pasado mes de abril no Salón Teatro de Santiago, Marta Pazos encargouse da dirección e da dramaturxia, mentres que José Díaz e Hugo Torres compuxeron a música orixinal do espectáculo que os tres interpretan xunto a Uxía P. Vaello e Sergio Zearreta. Nesta xira española, Borja Fernández incorpórase ao elenco no papel habitualmente interpretado por Hugo Torres.

Tradición dende a contemporaneidade
Pola súa banda, Ovay de Quique Peón forma parte da programación do prestixioso Festival Madrid en Danza, que este ano celebra a súa vixésimo quinta edición consolidado como unha das principais programacións coreográficas a nivel internacional. Nesta ocasión, 33 compañías de máis de 13 países conforman a variada carteleira artística do certame, no que o coreógrafo e bailarín coruñés presenta unha montaxe con múltiples referencias e evocacións ao baile popular galego, aínda que amosadas cunha particular estética e cun tratamento formal que se introduce nas formas da danza contemporánea.

Coproducido en 2009 xunto ao Centro Coreográfico Galego, este espectáculo supón ademais o debut de Peón á fronte da súa propia compañía. El é o creador, director e intérprete de Ovay, no que tamén xoga un papel destacado a música da gaita, o acordeón, a zanfona, a requinta e outros instrumentos de percusión executados en directo por Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero.

O título fai referencia a unha voz da antiga xerga dos canteiros para explorar as catro estacións do camiño da vida e os catro puntos cardinais da alma. Isto plásmase mediante melodías e movementos que se distribúen no espectáculo de xeito xeográfico -atendendo ao Leste, o Sur, o Norte e o Oeste de Galicia-, o que conforma o eixo conceptual da proposta.

Ligazóns