[10/11/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo organiza un novo ciclo de tres clases maxistrais de música tradicional, que impartirán os mestres Steven Greenman, Kepa Junkera (na imaxe) e Antonio Placer en distintas datas de novembro e decembro e que desta volta trasladarán o seu emprazamento á illa de San Simón, na ría de Vigo. O violín klezmer, os instrumentos tradicionais vascos e a relación entre creación vocal e improvisación serán os principais eixos temáticos desta terceira edición das master class.
A primeira delas terá lugar do 18 ao 20 de novembro da man do compositor e intérprete estadounidense Steven Greenman, recoñecido internacionalmente como un dos mellores intérpretes do violín klezmer. Nela, os participantes aprenderán temas tradicionais do leste europeo e da música folk instrumental xudea, coñecida como música klezmer, dedicando unha sesión á ornamentación específica para violinistas e violistas no marco desta milenaria tradición musical. As clases culminarán nun concerto dos participantes co material aprendido.
Interpretación da trikitixa
As outras dúas citas do ciclo desenvolverase nas mesmas datas: 16, 17 e 18 de decembro. Nestes días, o compositor, produtor e músico bilbaíno Kepa Junkera -mestre do acordeón diatónico vasco coñecido como trikitixa- abordará, a modo de obradoiro, a técnica e a maneira de tocar instrumentos tradicionais vascos: ademais da trikitixa, o pandeiro, a txalaparta de madeira e a txalaparta de pedra, entre outros. Tratarase sobre a orixe e a evolución no tempo de cada instrumento e os seus diferentes tipos, tamaños e materiais, as variedades que existen ou existiron en Euskadi, así como o uso que se lles foi dando ao longo do tempo.
Na terceira master class, que leva por título Creación vocal e improvisación, Antonio Placer, cantor, compositor e poeta galego afincado en Grenoble (Francia), proporá enfocar a creación musical a través do traballo de improvisación, usando a voz e as percusións corporais cos tempos de composición. Para isto, levaranse a cabo exercicios de tonicidade, respiración, relaxación, xogos vocais musicais, xogos de ritmos e percusións corporais. O resultado será a unión da voz ao corpo, ás súas capacidades de expresión, intención e emoción.
Cada master class ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. Estes serán seleccionados directamente polos mestres en función dos seus méritos e deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.