[08/11/2010] Un total de 11 alumnos asisten dende hoxe e ata o vindeiro venres día 12 ao Taller de Danza Tradicional Galega que, organizado polo Centro Coreográfico Galego (CCG), imparte o especialista Calixto Albán Laxe, autor de O saber do pobo. Enciclopedia do traxe, danza e música tradicional. As clases, especialmente dirixidas a profesionais da danza e das artes do movemento, céntranse no coñecemento do baile tradicional como expresión da cultura galega, ademais de abordar outros aspectos esenciais para a súa execución, como os traxes e as súas partes ou os diferentes tipos de música popular.
O taller desenvólvese en horario de mañá na sede do CCG na Coruña no marco do programa de formación continua da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), dirixido prioritariamente a profesionais e a estudantes de nivel medio-alto. Dentro deste mesma liña formativa, o vindeiro día 15 abrirase o prazo de inscrición para o Taller de Acompañamento Musical que, a cargo de Roberto Beceiro, terá lugar do 13 ao 17 de decembro.
Ao tempo, as profesoras do Centro Coreográfico Beatriz Ponlla e Belén Vázquez imparten as clases abertas de danza clásica arredor do espectáculo Etheria. A viaxe soñada, compartindo o espazo da aula de ensaios co elenco desta produción do CCG.
Ampla experiencia
Nado en Fornelos de Montes, Calixto Albán Laxe iniciouse no ámbito da danza tradicional como integrante do Grupo de Coros e Danzas do Ministerio de Cultura, no que ingresou con tan só sete anos. No ano 1985 creou o Grupo de Danza Corisco de Vigo e un ano despois, o Grupo de Baile e Música Ceifa na mesma cidade, así como a Escola Municipal de Danza do Concello de Fornelos de Montes, alternando deste xeito a experiencia como bailarín coa de profesor e coreógrafo.
Ademais, en Brasil foi o fundador e mestre durante tres anos do Grupo de Danzas da Sociedade Caballeros de Santiago na cidade de Salvador de Bahía e do Grupo de Danza Arraial da Casa de España de Río de Janeiro, do cal foi profesor de danza dous anos e medio.
Albán ten participado en numerosos festivais de renome como o de Lorient (Francia), o festival folclórico de Porto (Portugal), Festival Internacional de Folclore de Churriana (Málaga) ou Festa da Historia da cidade de Prato (Italia), entre outros. Ten colaborado, así mesmo, coa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior como profesor de baile en diferentes países de Europa, América e Oceanía.