Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PRESTIXIOSO OBOÍSTA ALEMÁN DIRIXIRÁ A SECCIÓN DE VENTOS DA ORQUESTRA DA EAEM NOS CONCERTOS QUE OFRECERÁ ESTE VENRES DÍA 5 EN SADA E O SÁBADO 6 EN SANTIAGO

O mestre Klaus Becker imparte un curso de óboe na Escola de Altos Estudos Musicais

[02/11/2010] A sede da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) en Santiago de Compostela acolle dende hoxe e ata o vindeiro sábado día 6 un Curso de Óboe impartido polo mestre alemán Klaus Becker, considerado un dos principais oboístas da súa xeración. Un total de sete instrumentistas asisten a estas sesións, organizadas pola Sección de Formación Permanente deste centro para a especialización musical que xestiona a Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic.

Klaus Becker

Durante a súa estadía en Santiago, Becker traballará así mesmo coa sección de ventos da Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais cara aos concertos que dirixirá o vindeiro venres día 5 na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada e o sábado día 6 no Auditorio da EAEM en Santiago. O programa de ambos recitais, que terán lugar ás 20.30 horas, abrirase coa interpretación da Serenata KV 375 en Mi b M de Wolfgang Amadeus Mozart. Na segunda parte, soará a Suite op. 4 en Si b M de Richard Strauss.

Solista de prestixio
Nado en 1953 en Colonia, Klaus Becker estudou na Musikhochschule da súa cidade natal con Helmut Hucke, continuando a súa formación especializada con Helmut Winschermann e Heinz Holliger. Á idade de dezaoito anos foi nomeado oboísta solista da orquestra de Colonia Gürzenich. Entre 1986 e 1990, traballou na mesma posición na Orquestra Sinfónica da Bayerischer Rundfunk. Gañou así mesmo destacados concursos para instrumentistas, entre eles o Concurso Internacional de Música da ARD de Múnic en 1981.

A partir do seu exitoso debut en Londres (Queen Elizabeth Hall, Festival de Artes de Alemaña no ano 1987) e en Madrid en 1989 coa Orquesta Nacional, desenvolveu unha extensa carreira como solista por numerosos escenarios de Europa e Estados Unidos. Durante esta traxectoria, traballou xunto a recoñecidos directores como Sir Colin Davis, Günter Wand, Roshdestvensky Gennady, Ahronovitch Yuri e Hager Leopold, entre outros. Ademais, realizou unha xira pola República Popular de China, África e o Medio e Afastado Oriente como membro fundador do Linos-Ensemble Klaus Becker Europa, formación coa que ten publicados máis de vinte traballos discográficos.

Desde 1990 é profesor de óboe na Universidade de Música e Drama de Hannover. Os seus alumnos gañaron premios en concursos nacionais e internacionais e todos os graduados da súa clase (na actualidade máis de trinta e cinco) teñen levado a cabo traballos nas principais orquestras de Alemaña e Europa, moitos deles nunha posición de liderado.

Ligazóns