Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A DELEGACIÓN EMPRESARIAL E INSTITUCIONAL GALEGA ESTABLECEU CONTACTOS PRINCIPALMENTE CON AXENTES DE EE.UU. E LATINOAMÉRICA

Mercedes Peón e Cristina Pato convencen ao público especializado de Womex nas súas actuacións en Copenhague

[29/10/2010] Mercedes Peón e Cristina Pato, as dúas artistas que levaron este ano en vivo a música galega actual ao Womex (World Music Expo) de Copenhague, convenceron nas súas respectivas actuacións diante duns 800 axentes e distribuidores musicais especializados que seguiron con gran entusiasmo os moi diferentes shows das dúas intérpretes. A máis importante feira internacional de música de raíz do mundo pecha mañá na capital dinamarquesa cun balance moi positivo para a delegación empresarial desprazada desde Galicia xunto á Axencia Galega das Industrias Musicais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

Mercedes Peón

Mercedes Peón actuou hoxe no escenario instalado no propio recinto feiral do Forum Copenhaguen, converténdose na primeira artista galega en amosar a súa música dentro da sección oficial do Womex, para a que foi seleccionada entre máis de 800 propostas de todo o mundo polo xurado oficial independente. A un mes da saída ao mercado do seu próximo disco, SÓS, a compositora e instrumentista coruñesa sorprendeu os congregados coa forza da súa persoal performance, un espectáculo interdisciplinar que leva a cabo en solitario axudada por un sampler do que se serve para executar os sons de distintos instrumentos, ademais de cantar e tocar en directo a gaita, o sacho, o clarinete e a percusión.

Concerto moi ovacionado
O seu concerto, que resultou moi ovacionado, foi presentado aos espectadores pola especialista croata Melita Jurkota, integrante do comité de expertos do Womex, quen trazou un perfil da traxectoria artística de Peón destacando a súa capacidade innovadora e a concepción personalista das súas creacións.

Pola súa banda, Cristina Pato abriu onte a denominada "Noite española" organizada pola plataforma Sounds from Spain dentro do programa offWomex no emblemático edificio do DR Koncerthuset. A gaiteira ourensá, acompañada de cinco músicos e da vocalista Laura Amado, interpretou durante 50 minutos varios temas do seu último traballo discográfico, The Galician Connection. O público asistente chegou a corear algunha das cancións populares nun ambiente de complicidade e coa gaita galega como protagonista da velada.

Distribución desde Galicia
A delegación galega, encabezada polo director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, e integrada por representantes dun total de sete empresas do sector (Articket, Berrogüetto Producións, Fol Music, Lóspregos, Mare, Nordesía e Zouma), utilizou a presente edición de Womex para intensificar contactos con compañías e entidades homólogas de Estados Unidos e Latinoamérica, fundamentalmente. O obxectivo destas relacións comerciais insírese na liña estratéxica común de facer de Galicia a plataforma de distribución para Europa de artistas e grupos musicais procedentes de Brasil e Cuba, entre outros países. No caso concreto de Estados Unidos, iniciáronse conversas cos delegados da APA (Association of Performing Arts Presenters) de Nova York para a posible materialización de proxectos cara á proxección da música galega en Norteamérica.

O stand de Sounds from Spain, un dos máis amplos e concorridos do recinto de exposición, contou cun espazo reservado á difusión da marca Galiciantunes, dende o que se distribuíu cunha excelente acollida un cd dobre no que se recolle a produción musical galega máis recente dividida por xéneros en pop-rock e jazz (cd1) e roots (cd2), ofrecendo neste último caso temas de Mercedes Peón, Cristina Pato, Berrogüetto, Uxía, Guadi Galego, Fuxan Os Ventos, Xosé Manuel Budiño, Anxo Lorenzo, Sondeseu, Bellón Maceiras Quinteto, A Banda das Crechas, bOnOvO, Narf e Manecas Costa, Batuko Tabanka, Narf, Trasmundi e Renato Spencer. Asemade, os empresarios galegos utilizaron este espazo común para levar a cabo as súas operacións nunha incesante actividade durante os catro días de feira.

Copenhague é por segundo ano consecutivo a sede deste encontro profesional, no que están a participar 2.900 axentes acreditados procedentes de 90 países. Produtores, distribuidores, axentes de managemet, artistas e demais profesionais vinculados á música folk, de raíz ou tradicional danse cita nesta décimo sexta edición do Womex, que desenvolve unha intensa afluencia nos seus máis de 200 expositores, ademais de concertos, conferencias e proxeccións audiovisuais.