[26/10/2010] Teatro do Noroeste ofrece esta semana no Salón Teatro de Santiago un total de 6 funcións do seu espectáculo Historias peregrinas, unha nova versión da comedia alegórica escrita por Miguel Anxo Murado e que a compañía que dirixe Eduardo Alonso xa estreara hai 15 anos. O público xeral terá oportunidade de ver a peza o xoves 28, o venres 29 e sábado 30 ás 20.30 h e o domingo 31 ás 18.00 h; en tanto que haberá ademais dous pases matinais previos dedicados a alumnos de ensino secundario o mércores 27 e o xoves 28 ás 11.00 h.
Foi en 1995 cando os integrantes de Teatro do Noroeste levaron por primeira vez aos escenarios esta obra escrita ex profeso para a compañía polo xornalista e guionista lucense, de quen xa puxeran en escena no pasado con gran éxito A grande noite de Fiz. Agora, quince anos despois daquela estrea, a compañía de Luma Gómez e Eduardo Alonso decidiu volver a representar este texto, coincidindo coa celebración do ano Xacobeo 2010, pero, segundo eles mesmos, cunha montaxe "máis descrida e menos inocente" que a orixinal.
Nesta ocasión, a interpretación corre a cargo de oito actores e actrices: Alejandro Carro, Xan Casas, Luma Gómez, Fernando González, Julia Méndez, Mos, Victoria Pérez e Aitor Rei. Ademais de Eduardo Alonso, que asina a dirección escénica e o deseño de iluminación, traballaron na materialización desta montaxe Paco Conesa, responsable da escenografía e do vestiario; Mercedes Suárez, na coreografía; e Chefa Alonso, na composición musical. A música do espectáculo corre a cargo do colectivo UZ, integrado por Miguel Bastard (tuba, trombón, bombardino), Marcos Monge (clarinete) e Chefa Alonso (saxo soprano), coa colaboración de Elena Vázquez (violín).
Nun bosque preto de Compostela
A montaxe conta a historia dun grupo de cómicos que na época do Barroco percorre o Camiño de Santiago representando danzas da morte e autos sacramentais. A causa dunha edición defectuosa do Códice calixtino, que lles serve como guía, pérdense nun bosque preto de Compostela. É neste lugar onde se decatan de que un dos seus compañeiros, o actor que fai o papel de Home Inocente, fuxiu coa actriz que fai de Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións.
Os comediantes están fartos de facer o que fan, e agora veranse obrigados a buscar novos membros para o grupo, tarefa que non parece nada fácil nunha época en que o milenarismo (doutrina segundo a cal Cristo volverá para reinar sobre a Terra durante mil anos), as herexías, as guerras e a peste volveron malencarado a máis ou menos todo o mundo. Tampouco o público parece gustar moito das súas representacións, sobre todo cando hai execucións públicas ás que asistir, gratuítas e moito máis participativas. Un reo dunha destas execucións escapa da xustiza e atópase co grupo dos cómicos, que buscan un Home Inocente para a súa obra. O xogo teatral está servido, xa que alguén que non é o que aparenta ser fai de alguén que é o que é no fondo, pero que non parece que sexa.
Temas actuais
Historias peregrinas é unha peza que xira arredor da vida, da aparencia e da realidade, da razón e do absurdo de ser. Trátase dunha obra que atrapa a atención do espectador grazas á diversidade de situacións expostas e na que o constante humor agocha temas tan transcendentais e actuais como a supremacía da razón para chegar a entender a vida, a crítica ao fanatismo relixioso, a busca da verdadeira identidade das persoas, o amor, a literatura e o teatro.
Con este texto dramático quíxose escribir unha especie de comedia teolóxica popular, un auto sacramental no que a sentencia moral e a temática fosen modernas. O resultado deste anacronismo é unha comedia alegórica na que as metáforas se resisten a cumprir co seu papel. O bosque é aquí, como no teatro barroco, a representación do mundo polo que vaga o ser humano desnortado. Só que neste particular bosque, o ser humano o Home Inocente dos autos sacramentais escapou cos cartos e co Perdón Divino, deixando abandonadas e desconcertadas as alegorías da Morte, o Pecado, o Mal e a Gracia Santificante.
As entradas para as catro funcións de Historias peregrinas xa están dispoñibles na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do xoves, venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.