[21/10/2010] O Teatro Municipal-Área Panorámica de Tui acolle este sábado día 23, ás 20.30 horas, a última produción do Centro Coreográfico Galego, Etheria, a viaxe soñada, espectáculo que combina danza, música en directo e videocreacións para achegarse ao mundo das peregrinacións a través da recreación da historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.
Creada e dirixida por Mercedes Suárez, esta montaxe combina a interpretación de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas coas colaboracións artísticas de destacados profesionais galegos. Tal é o caso da música especialmente composta para a ocasión por Isaac Garabatos e executada en directo polos oito membros do grupo multiinstrumental ISGA Collective, a participación da vocalista Rosa Cedrón como artista invitada, así como o traballo de Antonio F. Simón nos deseños de escenografía e iluminación ou de Marcos Garabán no de vestiario.
Historia e actualidade
A peza parte, na súa xénese, dunha sólida base histórica, cargada de documentadas alusións a coñecidas figuras da antigüidade galega, o que non impide á súa directora e coreógrafa, Mercedes Suárez, introducir no seu desenvolvemento elementos anacrónicos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía. Todas estas viaxes teñen en común, na súa orixe, ser froito dunha chamada no interior das persoas, dunha necesidade espiritual que se satisfai a través do avance nun camiño.
Así, Mercedes Suárez é quen de deseñar unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar, de xeito tan equilibrado como fluído, as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos.
O espectáculo
A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ángel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.
A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo dun escenario -que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile- contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.
A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. Á vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.
Diante de Etheria ábrese no camiño un mundo descoñecido e heteroxéneo; do mesmo xeito que diante do público se materializa unha nova proposta coreográfica que suma á calidade da proposta artística a reprodución de motivacións actuais e universais.
Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para asistir á función de Etheria, a viaxe soñada en Tui estará dispoñible ata as 12.00 horas do mesmo sábado a través da páxina web www.culturatui.info. No despacho de billetes do Teatro Municipal, poderán adquirirse dende hora e media antes do comezo da función.