[21/10/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá venres 22, ás 21.30 horas, o concerto de presentación do novo traballo discográfico de Silvia Penide, Las Erres Dobles, co que a cantante coruñesa se consolida como unha das voces destacadas no panorama musical actual. A actuación pecha a segunda entrega do programa "ST Música Presente", creado pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) co obxectivo de facilitar a promoción especial de novos traballos discográficos galegos a través de actuacións dirixidas preferentemente a un público especializado, pero abertas tamén a todos os espectadores interesados en función do aforo dispoñible.
Producido por Juan de Dios Martín (produtor de grupos tan coñecidos como Deluxe ou Lovely Luna) e autoeditado, o cuarto álbum de estudio de Silvia Penide preséntase como "a recreación da imaxinación, madurez e determinación que só unha artista que mantén un continuo pulso coa sinceridade na súa composición musical podería ofrecer". Este novo traballo, editado en formato EP (curta duración), inclúe cinco temas nos que a vocalista plasmou esa sutil combinación de sonoridades e ritmos que xa anticipara no seu anterior traballo, Desafinante Crónica (Falcatruada‘07), e que aquí acadan a súa plena madurez.
Linguaxe musical sen etiquetas
Non é doado buscar unha etiqueta na que situar a esta artista, xa que a súa linguaxe musical atravesa, de medio en medio, un camiño que vai desde a canción de autor ata a experimentación e a electrónica, pasando por estilos como o pop ou o folk americano de voces como a de Laura Veirs, Regina Spektor ou Kimya Dawson.
Xa nos seus traballos discográficos anteriores, Kilómetros, Invisible e Desafinante Crónica (Falcatruada '03 '05 e '07), Silvia Penide amosaba a forza que define a súa música. Algunhas das súas cancións, como Mi Cielo ou Reventaba, convertéronse en clásicos de programas radiofónicos como La Gramola, e con elas conseguiu fidelizar a numerosos fans que se agrupan en torno ao seu foro en internet.
Xunto a Silvia Penide (voz e guitarra) actuará a súa banda, composta por Fernando Lamas (batería), Risto Voulanne (contabaixo) e Fran Castro (teclado). Acompañando a proposta musical, a fotógrafa e creadora audiovisual Olaia Sendón proxectará unha serie de videocreacións, que comezarán xa desde unha hora antes do concerto na parada da fachada exterior do Salón Teatro. Licenciada en Comunicación Audiovisual, esta artista compaxina o seu traballo dando clases de fotografía e imaxe audiovisual na Escola de Imaxe e Son da Coruña con proxectos persoais, como a recente videocreación para o disco Kosmogonías de Berrogüeto ou o recoñecido documental A casa de Lola de Andrés.
O de Silvia Penide será o último dos tres concertos promocionais inseridos nesta segunda entrega do programa "ST Música Presente", dentro do que xa actuaron os vigueses Niño y Pistola e a compañía Bruma. A iniciativa, deseñada e promovida pola Agadic en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.
As entradas para asistir a este concerto xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse o propio venres a partir das 18.30 horas.