Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CICLO "AO VIVO DENDE GALICIA" DESENVÓLVESE GRAZAS Á COLABORACIÓN PARA O INTERCAMBIO MUSICAL CO INSTITUT CATALÀ DE LES INDÚSTRIES CULTURALS

A Agadic patrocina cinco concertos de Carlos Núñez e Luar na Lubre en Cataluña

[13/10/2010] Carlos Núñez e Luar na Lubre protagonizan esta fin de semana os últimos cinco concertos do ciclo "Ao vivo dende Galicia" en Cataluña, que se vén desenvolvendo dende o pasado mes de febreiro grazas ao acordo de colaboración para o intercambio musical que manteñen a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e o ICIC (Institut Català de les Indústries Culturals).

Carlos Núñez

O gaiteiro Carlos Núñez ofrecerá dúas actuacións este venres día 15 e o sábado 16 no Teatre-Auditori de Sant Cugat del Vallès e no Teatre Kursaal de Manresa, respectivamente, onde presentará o seu último traballo discográfico, Alborada do Brasil. Pola súa banda, o grupo Luar na Lubre tocará o venres 15 en La Mirona de Salt, o sábado 16 na Sala Clap de Mataró e o domingo 17 na sala Salamandra de L’Hospitalet de Llobregat.

Con estes serán un total de 12 os concertos de música galega en Cataluña patrocinados este ano pola Axencia da Consellería de Cultura e Turismo, que a través deste programa de intercambio apoiou así mesmo as presentacións de Mercedes Peón nos festivais Tradicionàrius de Barcelona e (A)phònica de Banyoles, de Igloo no Let’s Festival de L’Hospitalet de Llobregat e de Holywater e Niño y Pistola no Primavera Sound de Barcelona, así como outros dous concertos de Carlos Núñez no So de Sons de Vilabertran e en La Seu d’Urgell.

Música catalá en Galicia
No marco deste mesmo acordo de colaboración, un total de catro formacións catalás actuarán en Galicia neste último trimestre do ano baixo o lema "Catalan Music On Tour 2010". Neste ciclo insírese o recital que Luis Eduardo Aute e Joan Isaac protagonizarán no Teatro Jofre de Ferrol o 3 de decembro, así como a xira galega de The Unfinished Sympathy: hoxe na sala Karma de Pontevedra, mañá día 14 na Torrente Ballester de Ferrol, o sábado 16 na Sala 600 de Melide e o domingo 17 no Bar Liceum do Porriño, ademais dos concertos xa ofrecidos no Pub d’Antón da Laracha (9 de outubro), no Aturuxo de Bueu (día 10), no Clavicembalo de Lugo (día 11) e no Auriense Café Cultural de Ourense (onte día 12).

Os grupos Carles Benavent Quartet e Girasons completarán a oferta de "Catalan Music On Tour" en Galicia para este ano, con diferentes concertos entre os meses de novembro e decembro.