[30/09/2010] A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante actuará por vez primeira no Salón Teatro de Santiago de Compostela con dúas funcións (venres 1 e sábado 2 ás 20:30 horas) da súa última proposta escénica. Baixo o título de In e con dirección de María Torres, a programación do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) ofrece desta volta un espectáculo sensitivo e universal que indaga a representación contemporánea da figura social e que se sirve da fusión do teatro físico coa danza, o vídeo e as artes plásticas como vehículo de expresión.
Os actores e bailaríns Ángela Blanco, Gonçalo Guerreiro, Alfredo Muíño, Nuria Sotelo e María Torres poñen en escena unha historia cuxa acción se desenvolve arredor da celebración dunha voda. A actitude afectada e hipócrita dos noivos e convidados esgótase rapidamente para dar lugar a comportamentos de envexa, celos e luxuria cun pseudoideal de beleza como pano de fondo.
In está escrita e dirixida por MaríaTorres, Gonçalo Guerreiro asina a adaptación e a escenografía; Octavio Mas, a iluminación e Germán Gundín, o son. María Chenut é a responsable do deseño do vestiario e atrezo e Masako Hattori, da videocreación.
O título da peza relaciónase co termo anglosaxón "to be in", que quere dicir estar na moda. Así, o espectáculo profunda na ambivalencia entre o ser e o parecer, o de dentro como a nosa identidade e o de fóra como o aspecto que podemos manipular, disfrazar e cambiar. Trátase de confrontar o interior coa aparencia co obxectivo de respostar á cuestión de se somos o que parecemos ou simplemente só parecemos.
Bertolt Brecht e contos infantís
A estrutura dramatúrxica da montaxe foi creada a partir de dous elementos fundamentais: por un lado, a peza dramática de Bertolt Brecht A voda dos pequenos burgueses e, por outro, os contos populares Cincenta, Brancaneves e O rei sapo, dos irmáns Grimm; e Os zapatos vermellos e A vendedora dos fósforos, de Hans Christian Andersen.
Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas creacións buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes como o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. A compañía, de orixe galego-portuguesa, foi creada en 2007 na cidade da Coruña por María Torres e Gonçalo Guerreiro para dar forma artística ás inquedanzas sociais e existenciais dos seus creadores.
Antes, Teatro Escondido
Elefante Elegante comezou como proxecto experimental no ano 2000 co nome de Teatro Escondido. Esta iniciativa viaxou durante sete anos entre Galicia, Bélxica e Portugal e dela formaban parte actrices e actores de diferentes países europeos. A súa interpretación baseábase no xogo corporal co obxectivo de desenvolver unha linguaxe teatral universal. Estes anos de experimentación foron fundamentais para que puidese nacer a nova compañía.
Desde a súa creación, conta no seu haber con catro espectáculos anteriores: Tristán (dirixido ao público infantil); Iliria, de William Shakespeare; a commedia dell'arte para todos os públicos O forno; Granito, sobre a obra do pintor Laxeiro. A compañía ten actuado, ademais de Galicia, en Portugal, Bélxica, Suíza, Francia e Italia.
As entradas para as funcións de mañá venres 1 e do sábado 2 xa están dispoñibles na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).