Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS DOCE ALUMNOS PARTICIPANTES REALIZARÁN TRABALLOS ACTORAIS DESDE A IMPROVISACIÓN E O ESTUDO DOS PERSONAXES

Un curso sobre Shakespeare impartido por Alfredo Padilla inaugura o Programa de Formación Continua do CDG

[27/09/2010] Un total de doce alumnos participan a partir de hoxe no Salón Teatro de Santiago no Curso sobre Shakespeare que imparte Alfredo Padilla, actor arxentino afincado en Galicia, especialista en teatro shakesperiano pola Royal Academy of Dramatic Art de Londres. Esta actividade docente, que se celebrará con clases intensivas ata o 30 de setembro, inaugura o novo programa de formación continua do Centro Dramático Galego para a temporada 2010-2011.

Imaxe do comezo do curso

Padilla desenvolverá cos doce actores e actrices inscritos as potencialidades creativas arredor da obra do gran dramaturgo inglés, tendo en conta o estilo, o xogo dramático e o ámbito en que se desenvolve o actor. Para a posta en marcha do curso cóntase tamén coa colaboración do escritor Alfredo Conde, autor da versión en galego dos textos sobre os que se traballará nas sesións lectivas, coa conseguinte achega ao repertorio shakesperiano en lingua galega.

O obxectivo da iniciativa é ofrecerlles aos participantes coñecementos e técnicas de interpretación adquiridos polo profesor durante a súa estadía na Royal Academy of Dramatic Art, que desde hai máis de cen anos é a academia de formación de actores shakesperianos por excelencia e onde estudaron figuran tan célebres como John Gielgud, Anthony Hopkins ou Kenneth Brannagh, entre outros.

Técnicas vocais e corporais

O curso desenvolverase nun módulo de traballo intensivo durante catro días en sesións de sete horas diarias. Durante este tempo, abordarase o traballo actoral arredor do teatro de William Shakespeare a través da improvisación e da experimentación, así como do estudo da linguaxe, o estilo e o personaxe dentro do texto. Ademais, a posta en escena prepararase a partir de diferentes técnicas vocais e corporais.

Os alumnos introduciranse de cheo no mundo do gran dramaturgo a partir de diferentes monólogos e escenas, analizando personaxes shakesperianos en comedias e traxedias, o ritmo, o espazo e as intencións dentro dos seus textos. Ademais, e tras seleccionar varias escenas para traballar directamente sobre elas, levarase a cabo unha semi-montaxe con todos os participantes.

Especialista en Shakespeare

Durante a súa estadía no Reino Unido para realizar o seu posgrado sobre o teatro de Shakespeare, Padilla estudou con Nona Shepphard, John Adams, Hugh Fraser (monólogos), Nick Hutchison (monólogos e escenas de multitudes en Shakespeare), Katya Benjamin e Alexander Technique (movemento e Physical Performance), Andrew Charity (canto shakesperiano), Greg De Polnay (linguaxe e estilo), Tim Hardy (escenas), Michael Gieleta (a personaxe dentro do texto), Alison Skilbeck (sonetos shakesperianos), Brigid Panet (escenas), Darren Royston (danza de época), Brett Yount (loita escénica), Adrienne Thomas (técnica vocal), Jessica Turner (sonetos) e Andrew Visnevski (escenas).

Cada un destes docentes teñen unha forte vinculación ao mundo de William Shakespeare no Reino Unido, xa sexa desde a BBC, a Royal Shakespeare Company, o Old Vic Theatre, o Young Vic Theatre ou o mesmo Globe Theatre.

En 2009, Alfredo Padilla estreou en Londres e baixo as ordes de John Adams, director de escena da Royal Academy of Dramatic Art desde hai trinta anos, The Fall of Anthony, unha versión de textos de Skakespeare a partir de Xulio César e Antonio e Cleopatra na que interpretou os papeis de Xúlio César e Marco Antonio.