[21/09/2010] O pub Ultramarinos de Santiago de Compostela acolle, mañá mércores a partir das 22:00 horas, un concerto a cargo do dúo integrado polo acordeonista João Gentil e o percusionista Luis Formiga, co que se abre a edición de 2010 do programa de intercambio musical entre a Rede Galega de Música ao Vivo e o circuíto portugués OuTonalidades. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo, a asociación galega Clubtura e a portuguesa d’Orfeu Associação Cultural colaboran por terceiro ano consecutivo na organización deste ciclo, que ofrecerá este ano un total de 36 concertos a cargo de cinco grupos galegos e outros cinco portugueses en 16 localidades de Galicia e Portugal.
Este circuíto transfronteirizo desenvolverase até o mes de decembro e acollerá actuacións de moi diferentes estilos musicais: dende o folk ata o punk ou o ska, pasando polo jazz, o flamenco, os fados ou a fusión en moi diversas variantes. En concreto, os galegos Dakidarría, Marcos Teira, O Sonoro Maxín, Pé de Boi e Pel de Noz realizarán un total de 16 concertos no país veciño, mentres que -a maiores de João Gentil & Luis Formiga- os portugueses Desbundixie, Fados a Preto e Branco, Grupo João da Ilha e Sofia Vitória Dúo protagonizarán 20 citas musicais en Galicia.
Sete salas galegas
En Galicia, o calendario de concertos estenderase até o 4 de decembro por sete espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a Agadic promove en colaboración con Clubtura (Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo). Ademais do Ultramarinos, figuran o Aturuxo de Bueu, Auriense Café Cultural de Ourense, Clavicembalo de Lugo, Contrabajo de Vigo, Jazz Filloa da Coruña e Roi Xordo de Allariz.
Tralo concerto inicial de mañá, João Gentil & Luis Formiga actuarán o día 23 na Coruña, o 24 en Bueu e o 25 en Vigo. Fados a Preto e Branco desenvolverá os seus recitais do 28 ao 31 de outubro en Santiago, Vigo, Lugo e Bueu; Desbundixie, do 11 ao 14 de novembro en A Coruña, Lugo, Vigo e Bueu; Sofia Vitória Dúo, do 16 ao 19 de novembro na Coruña, Santiago, Lugo e Vigo e Grupo João da Ilha, do 1 ao 4 de decembro en Ourense, Santiago, Lugo e Allariz.
En Portugal, a programación terá lugar en nove dos locais que durante o próximo outono acollerán a décimo cuarta edición de OuTonalidades, circuíto musical que promove a asociación d’Orfeu no país veciño. Neste caso, o calendario de actuacións dará comezo o 25 de setembro coa presentación de O Sonoro Maxín na Casa da Juventude de Amarante e continuará até o 18 de decembro, visitando tamén Águeda (Bard’O-Espaço d’Orfeu), Guarda (Casa da Cultura de Famalição da Serra), Chaves (Centro Cultural), Fundão (Casa da Moagem), Moura (Sala da Salúquia), Peso da Régua (Fundação Museu do Douro), Tavira (Casa do Pobo de Santo Estêvão) e Tondela (Bar do Novo Ciclo Acert).