Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PRESENTARÁN O SEU TERCEIRO TRABALLO DISCOGRÁFICO "NIÑO Y PISTOLA AS ARTUR & THE WRITERS"

Volve o ciclo de concertos promocionais ST Música Presente con Niño y Pistola

[20/09/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) abre mañá cun concerto no Salón Teatro a cargo de Niño y Pistola a segunda parte do ciclo de concertos "ST Música Presente", dirixido á promoción de traballos discográficos galegos de todos os estilos diante dun público especializado. O grupo galego presentará o seu terceiro larga duración, Niño y Pistola as Arthur & The Writers (Ernie Records, 2010), un tributo aos alter ego, aos nomes falsos dos artistas e ás grandes historias. De novo, o Salón Teatro de Santiago será a sede deste programa de recitais, que nesta nova entrega acollerá outros dous directos protagonizados por Bruma (13 de outubro) e Silvia Penide (22 de outubro).

Membros do grupo "Niño y Pistola"

A prioridade deste programa é ofrecerlles ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

Historia ficticia
Tomando como referencia o mesmo que fixeron os Beatles con Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band , David Bowie en Ziggy Stardust ou os Kinks en Village Green Preservation Society , os compoñentes de Niño y Pistola inventaron o grupo Arthur & The Writers e concibiron arredor del unha pequena historia, incluindo biografías ficticias para os seus alter ego (realizadas polo seu amigo e escritor Arturo Enríquez). A idea de levar a cabo esta transmutación xurdiu a raíz da primeira canción do disco Catch the Sun, un tema que fala dun cambio de vida, dunha despedida. A partir de aquí, os galegos decidiron crear unha historieta en que cada canción funcionase como un capítulo.

Así, o disco Niño y Pistola as Arthur & The Writers recolle a sentida e imaxinaria homenaxe que un grupo de Iowa, The Writers, dedica ao seu finado amigo, o poeta Arthur. Tres dos integrantes do grupo -Peter J. Manuel, Herbert Bean e Lucio Van Gelder- xa se coñecían desde que estudaban no bacharelato, onde formaron parte de varias bandas das que non se conserva nin o nome. Deron os seus primeiros concertos como The Writers versionando aos Beatles, os Jayhawks, Neil Young ou ABBA; e axiña se lles uniu Martin C. Mellon. Pouco a pouco foron incorporando ao seu repertorio cancións propias e, a pesar do interese dalgunhas discográficas, non tiveron présa por encerrarse nun estudio a gravar e optaron por seguir pulindo as súas cancións nos directos. Ignatius R. Curtis sustituiu en 2006 a Martin C. Mellon tras a súa marcha a Canadá. Pero o finamento do seu amigo e poeta Arthur Etres levounos a producir un disco homenaxe baseado nunha das súas libretas de poemas. Lonxe de gravar en Estados Unidos, viaxan a España onde Arthur escribiu gran parte da súa poesía. É entón cando pasan a charmarse Arthur & The Writers e editan o seu primeiro disco baixo o selo español Ernie Records.

Xiro sonoro
Ademais deste cambio de identidade, Niño y Pistola propoñen un xiro sonoro na súa traxectoria musical. Os seus dous álbumes anteriores, Como Un Maldito Guisante (2006) e Culebra (2008), posuían un carácter completamente acústico, máis folk e cun son británico setentero, mentres que este novo traballo, cantado en inglés, é máis eléctrico, ao máis puro estilo rock californiano.

A venda anticipada de entradas para o concerto de Niño y Pistola xa está operativa a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43, mentres que o despacho de billetes do teatro estará aberto dende dúas horas antes do comezo do recital. Para as citas do programa ST Música Presente, que en todos os casos darán comezo ás 21.30 horas, establécese unha tarifa especial única de 5 euros por localidade.