Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CELÉBRANSE NO SALÓN TEATRO TODOS OS MÉRCORES, AGÁS O 1 DE NOVEMBRO, ÁS 11.00 HORAS

Alumnos de 15 centros de ensino de toda Galicia asistirán en Santiago ás funcións escolares de 'O regreso ao deserto'

[25/10/2006] Alumnos dun total de 15 centros de ensino de toda Galicia asistirán ás funcións escolares que o Centro Dramático Galego (CDG) ofrece no Salón Teatro de Santiago coa súa produción O regreso ao deserto, do dramaturgo francés Bernard-Marie Koltès. Dirixido por Cristina Domínguez Dapena, o novo espectáculo da compañía pública permanecerá neste escenario compostelán até o 19 de novembro, con cinco funcións semanais (o mércores para estudantes –agás o 1 de novembro– e de xoves a domingo para o público xeral).

As representacións para escolares, que deron comezo esta mesma mañá, celébranse ás 11.00 horas e están especialmente dirixidas a rapazas e rapaces de 1º e 2º de Bacharelato. Até o momento teñen confirmada a súa asistencia diferentes grupos procedentes de institutos de Santiago de Compostela, Ames, Bembibre, Bueu, A Coruña, Negreira, Ordes, Padrón, Ribeira, Valga e Vigo, cos que se completa practicamente o aforo dispoñible para estas funcións.

Co obxectivo de facilitar o traballo na clase respecto da asistencia ao espectáculo como complemento da formación docente, o CDG elaborou un caderno educativo asinado por Alfredo Rodríguez. Neste mesmo sentido, con esta produción púxose en marcha unha nova experiencia destinada a favorecer a participación, tanto de profesores e alumnos como do resto de espectadores, a través do blog oregresoaodeserto.blogspot.com.

Celso Parada e Luísa Merelas encabezan o elenco de 14 actrices e actores (Toni Salgado, Rocío González, Alberto Rolán, Ursia Gago, Josefa Barreiro, Pilar Pereira, Manuel Areoso, Robert Matthews, Mohamed Azibou, César Goldi, Alfredo Rodríguez e Vicente Montoto) desta produción, na que nomes consagrados comparten cartel con novos valores da escena galega.

PRIMEIRA VERSIÓN EN GALEGO

A montaxe de O regreso ao deserto –primeira versión en galego do texto, realizada a partir da tradución de Fernando Moreiras– supón a incorporación ao noso repertorio escénico da derradeira peza estreada en vida por Koltès (Metz, 1948-París, 1989), considerado como unha das máis salientables figuras da dramaturxia europea contemporánea.
A obra constata o deterioro das relacións Norte-Sur, así como os profundos cambios sociais derivados da inmigración, a través do conflito que o autor sitúa nun contorno pechado –unha familia dunha vila francesa de provincias nos primeiros anos sesenta–, no que se deixa notar a presenza inquietante e difusa da guerra de Alxeria.

O espectáculo dá comezo cando, tras quince anos de exilio nese país africano, Matilde (Luísa Merelas) regresa cos seus dous fillos á casa que herdara do seu pai, pero da que se apropiou o seu irmán Adrián (Celso Parada). A protagonista volta con intención de vingarse da súa familia e da sociedade burguesa que a rodea por un pasado de agravios e inxustizas. Así, con ela, o enfrontamento instálase tamén no ámbito familiar: o matriarcado contra o patriarcado, o Sur contra o Norte, os nómades contra os sedentarios, os desposuídos contra os propietarios, os pobres contra os ricos.

Os conflitos domésticos relacionados con historias de cobiza, herdanzas e fillos ilexítimos mestúranse, pois, con outros de maior alcance, como a guerra ou a discriminación en diferentes manifestacións. A escenografía móbil deseñada por Xoán Anleo e a iluminación de Octavio Mas fan fincapé neste ambiente de tensión e cambio, ao tempo que o espazo sonoro de Ugia Pedreira e o vestiario e estilismo de La Canalla (Francisco J. Soto e Patricia Soto) inciden na idea de mestizaxe social e cultural.

HORARIOS

A partir de mañá, retómanse no Salón Teatro as representacións abertas ao público xeral, que teñen lugar de xoves a sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas. As entradas póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo de cada función, a un prezo de 10 €, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, estudantes, persoas en situación de desemprego e familias numerosas.

Trala súa estadía en Compostela, o Centro Dramático Galego iniciará unha xira con este espectáculo que se prolongará até o mes de xaneiro e durante a que será escenificado en Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 24 de novembro), Pontevedra (Teatro Principal, 2 de decembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 5 e 6 de decembro), Ferrol (Teatro Jofre, 9 e 10 de decembro), Ourense (Teatro Principal, 20 e 21 de decembro), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 7 de xaneiro), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 de xaneiro) e Narón (Auditorio Municipal, 19 e 20 de xaneiro).