[15/09/2010] O programa CREATIVA, que promoven conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte, patrocina as I Xornadas para Profesionais do Circo de Galicia-Norte de Portugal, que se celebran en Allariz a partir de mañá e ata o vindeiro domingo como actividade paralela do programa do Festival Reperkusión que acolle eses días a vila ourensá.
A iniciativa, organizada pola Asociación de Novo Circo e Cabaré Galega Pista Cinco, está aberta a todos os artistas e demais profesionais galegos e portugueses que desenvolven a súa actividade dentro da disciplina que se coñece como novo circo europeo. O obxectivo é aproveitar esta cita, a primeira destas características que se celebra en Galicia, para a posta en común de proxectos e experiencias presentes e de futuro.
O programa abrangue un foro de debate, que se desenvolverá os días 16 ,17 e 18 no Salón do Matadoiro e obradoiros de distintas habilidades (malabares, equilibrios, zancos, aéreos…) a impartir na Praia de Acearrica os días 18 e 19. Tamén na fin de semana terá lugar o apartado de exhibición artística das xornadas, dentro do que se celebrarán un campionato de volei-maza e as Olimpiadas de Circo; así como o ciclo de shows que acollerá o espazo da Praza de Abaixo.
Diagnóstico de situación
O foro de debate comezará mañá ás 17:00 horas baixo o título "Diagnóstico de situación da profesión en Galicia e Norte de Portugal. Propostas para o futuro" e estará conducido por José Expósito, da compañía Pistacatro Produtora de Soños.
O venres, á mesma hora, o asunto proposto é "Festivais que programan circo en Galicia e no Norte de Portugal" e participarán como relatores representantes da Mostra de Teatro de Rúa de Ourense, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Festiclown, Festival Cordabamba, Festival Cómico de Maia e Manicómicos.
O sábado, ás 12:00 horas, terá lugar a última das xuntanzas do foro. A partir do epígrafe "Redes de traballo locais e europeas", realizarán as súas achegas Miguel Torres (do Teatro Acert, Portugal) e Bauke Bie Lydia (Bruxelas).
Shows na Praza de Abaixo
O ciclo de shows permitirá a mostra ao público xeral das distintas liñas e propostas artísticas nas que traballan actualmente algúns dos artistas e colectivos galegos e portugueses de novo circo. Desenvolverase nun total de 11 pases na Praza de Abaixo de Allariz, en distintos horarios, entre o venres 17 e o domingo 19. Neles actuarán Circo Escarranchado, A Moucha, Disco Delivery, Manualidades 2.0, El Bar de Lupo, Antuam de la Cream, El Autoestopista Integral e Cabaré.
CREATIVA é un programa con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 mediante distintas propostas para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal. Así, a participación nos festivais Play-Doc de Tui e de Cans (O Porriño), o evento musical Cores do Atlántico que acolleu a Illa de San Simón, o Foro Clown da Estrada ou a participación de compañías portuguesas na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia foron algunhas das accións levadas a cabo durante 2010 dentro de CREATIVA.