Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA PRESENTOU O NOVO PERÍODO DE ACTIVIDADE DA COMPAÑÍA PÚBLICA E DO SALÓN TEATRO, CON 64 DÍAS DE APERTURA AO PÚBLICO ATA DECEMBRO

A produción de "Salomé" e o apoio á creación e á exhibición teatrais galegas marcan o inicio de temporada do Centro Dramático Galego

[09/09/2010] O Centro Dramático Galego (CDG) inicia a súa nova temporada escénica 2010-2011 cun primeiro período de actividade marcado pola produción do seu novo espectáculo, Salomé de Oscar Wilde baixo a dirección de Carlos Santiago, e o apoio á creación e á exhibición teatrais galegas a través da carteleira do Salón Teatro e de diferentes servizos á comunidade escénica. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou hoxe esta programación, a primeira que a compañía pública desenvolve baixo a dirección de Blanca Cendán, con 64 días de apertura ao público entre os meses de setembro e decembro.

O Coro da Ra durante o acto de presentación da nova temporada do CDG

Acompañado neste acto pola propia Blanca Cendán, así como polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández Fasero, e polo director de Salomé, Carlos Santiago, Roberto Varela incidiu na relevancia que para a escena galega supón a produción da obra do xenial autor dublinés a través da visión do compostelán Carlos Santiago, "quen -asegurou- se incorpora por méritos propios ao plantel de directores artísticos do CDG". Pepe Penabade, María Mera, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos interpretarán este espectáculo, que será estreado o 26 de novembro no Salón Teatro e que, segundo avanzou o conselleiro, ten pechadas ata o momento un total de 41 representacións en Galicia e Portugal.

Colaboración exterior
O titular de Cultura destacou, así mesmo, o traballo emprendido pola compañía pública na procura dunha maior proxección exterior tanto das súas producións como do conxunto da escena galega. Neste sentido, anunciou que xa están pechados acordos de colaboración en Portugal co Teatro Circo de Braga e co Teatro Acert de Tondela.

De acordo cunha das principais liñas programáticas da nova dirección do Centro, o teatro feito en Galicia será o gran protagonista da carteleira do Salón Teatro neste inicio de temporada, que se inaugura mañá venres e o sábado 11, ás 20.30 h, co espectáculo Life is a paripé da compañía compostelá Obras Públicas e que entre os meses de setembro e decembro presentará un total de 17 espectáculos de formacións galegas. Ademais, o espazo que xestiona a compañía pública, acollerá tres concertos dunha nova entrega do ciclo "ST Música Presente", que organiza a Agadic para a promoción especializada de traballos discográficos galegos, e volverá ser unha das sedes do festival Cineuropa que organiza o Concello de Santiago.

Nesta nova programación darase cabida tanto ás últimas propostas de compañías xa consolidadas no panorama teatral galego como Lagarta Lagarta con Cásting (a comedia), do 23 ao 26 de setembro, ou Teatro do Noroeste con Historias peregrinas, do 28 ao 30 de outubro, como a aquelas de traxectoria máis recente como Ónfalo Teatro con Na meta (sálvese quen poida) os días 17 e 18 de setembro, Elefante Elegante con In (1 e 2 de outubro), Redrum Teatro con A pensión (9 e 10 de outubro) ou A Producións Artísticas con Alicia & Alicia (15 e 16 de outubro), ademais da xa mencionada Obras Públicas.

Público infantil
O teatro infantil terá tamén unha presenza destacada nesta carteleira, con catro funcións escolares da montaxe de Sarabela Teatro Cara ao campo de estrelas (6 e 7 de outubro) e os cinco espectáculos que configuran unha nova edición da Mostra de Teatro Infanti de Nadal: Os catro da Xunqueira da compañía galega Limiar Teatro en coprodución coa portuguesa Mao Teatro (26 de decembro), Bicharada de Berrobambán (día 27), Trogloditas de Tanxarina Títeres (día 28), O día que chegou unha nube e choveu de Títeres Trompicallo (dúas funcións o día 29) e Oh, que bonito é Panamá de Panamesiana Teatro (día 30).

Na programación teatral insírense asemade as catro montaxes que o Salón Teatro acollerá do 18 ao 21 de outubro como unha das sedes da décimo oitava edición da Feira Galega das Artes Escénicas, organizada pola Agadic. Serán Homes… mulleres: O paraíso terreal de Teatro de Ningures (día 18), O incerto señor don Hamlet de Sarabela Teatro (día 19), Volpone de Talía Teatro (día 20), e a mostra de novo circo galego que, baixo o título Circo á feira, racións de novo circo galego, protagonizarán as compañías Lusco e Fusco, Arrepentimientos de Padrón, Roces e Goces, Duelirium e Almacabra Teatro-Circo.

Canto á música, o ciclo ST Música Presente ofrecerá os concertos dos galegos Niño y Pistola (21 de setembro), Bruma (13 de outubro) e Silvia Penide (22 de outubro) que, xunto coas sesións audiovisuais do festival Cineuropa do 1 ao 14 de novembro, completan a carteleira deste inicio de temporada.

O apoio do CDG á comunidade artística galega reflíctese igualmente noutra serie de iniciativas como a cesión gratuíta das salas da nave de servizos múltiples que a Agadic mantén no polígono empresarial Costa Vella, en Santiago, para que as compañías ensaien as súas novas producións. Actualmente, Lagarta Lagarta ultima aquí a estrea da súa nova montaxe, Cásting (a comedia), ao tempo que o dúo Púnchame&Goza traballa no que será o seu primeiro espectáculo, Roces e goces.

Shakespeare para actores
Así mesmo, o Centro Dramático Galego estrea nesta temporada un novo programa de formación continua para profesionais da escena, que dará comezo cun curso intensivo sobre Shakespeare para actores profesionais que Alfredo Padilla, intérprete arxentino afincado en Galicia, impartirá do 27 ao 30 de setembro no Salón Teatro. Especialista en teatro shakesperiano pola Royal Academy o Dramatic Art de Londres, Padilla desenvolverá cos alumnos as potencialidades creativas arredor da obra do gran dramaturgo inglés, tendo en conta o estilo, o xogo dramático e o ámbito en que se desenvolve o actor.

O programa formativo continuará nos vindeiros meses cun obradoiro de improvisación a cargo de Lucas García Herrador e outro de teatro de Molière impartido por Mario Tomas, a través dos que se quere apoiar a formación dos actuais e futuros profesionais do noso teatro aproveitando a visita a Galicia de destacadas figuras da escena a nivel internacional.

Novo Consello Asesor
Nesta nova etapa que agora comeza, o Centro Dramático Galego incorpora as achegas dun novo Consello Asesor, órgano de consulta, debate e asesoramento cara ao desenvolvemento do plan de actividades da compañía pública que, por vez primeira, conta con membros procedentes de diferentes áreas do sector cultural galego.

Gerardo Pereira Menaut, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela; Marcelino de Santiago "Kukas", artista plástico e titiriteiro; Roberto Taboada, asesor cultural do Concello de Ferrol; Carlos Neira, director da Escola de Teatro "Espacio Aberto" de Santiago de Compostela; Ana Vallés, directora teatral; Alfonso Pato, xornalista e director do Festival de Cans; e Xan Cejudo, director teatral e actor de teatro, cine e televisión, integran este Consello, encargado de asesorar a dirección do CDG en aspectos relacionadas coa programación, toma de decisión cara a novas producións e coproducións, autores, relación coa Universidade e busca de novos públicos, entre outros asuntos.

Na imaxe, un momento da actuación do Coro da Ra durante o acto de presentación da nova temporada do CDG

Documentación