[20/08/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo, a asociación galega Clubtura e a portuguesa d’Orfeu Associação Cultural colaboran por terceiro ano consecutivo na organización do programa de intercambio musical entre a Rede Galega de Música ao Vivo e o circuíto luso OuTonalidades, que a partir de setembro ofrecerá un total de 36 concertos a cargo de cinco grupos galegos e outros cinco portugueses.
Este circuíto transfronteirizo desenvolverase até o mes de decembro en 16 localidades de Galicia e Portugal, acollendo actuacións de moi diferentes estilos musicais que van dende o folk ata o punk ou ska, pasando polo jazz, o flamenco, os fados ou a fusión en moi diversas variantes. En concreto, os galegos Dakidarría, Marcos Teira, O Sonoro Maxín, Pé de Boi e Pel de Noz realizarán un total de 16 concertos no país veciño, mentres que os portugueses Desbundixie, Fados a Preto e Branco, Grupo João da Ilha, João Gentil & Luis Formiga e Sofia Vitória Dúo protagonizarán 20 citas musicais en Galicia.
Sete salas galegas
A carteleira galega inaugúrase o día 22 de setembro cun concerto do acordeonista João Gentil xuto ao percusionista Luis Formiga no Ultramarinos de Santiago. Esta programación estenderase até o 4 de decembro por sete espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a Agadic promove en colaboración con Clubtura (Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo): ademais do Ultramarinos, Aturuxo de Bueu, Auriense Café Cultural de Ourense, Clavicembalo de Lugo, Contrabajo de Vigo, Jazz Filloa da Coruña e Roi Xordo de Allariz.
En Portugal, a programación terá lugar en nove dos locais que durante o próximo outono acollerán a décimo cuarta edición de OuTonalidades, circuíto musical que promove a asociación d’Orfeu no país veciño. Neste caso, o calendario de actuacións dará comezo o 25 de setembro coa presentación de O Sonoro Maxín na Casa da Juventude de Amarante e continuará até o 18 de decembro, visitando tamén Águeda (Bard’O-Espaço d’Orfeu), Guarda (Casa da Cultura de Famalição da Serra), Chaves (Centro Cultural), Fundão (Casa da Moagem), Moura (Sala da Salúquia), Peso da Régua (Fundação Museu do Douro), Tavira (Casa do Pobo de Santo Estêvão) e Tondela (Bar do Novo Ciclo Acert).