[18/08/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e a editorial Dos Acordes preparan, en colaboración coa Radio Galega, a segunda entrega da colección Pel e madeira, destinada a recoller e difundir o repertorio básico da música popular galega. Este segundo volume ofrecerá as partituras de 30 novas pezas, arranxadas para cuarteto tradicional e acompañadas de dous CD de audio coa gravación dos temas e dun CD de datos coas particellas individuais de cada instrumento (dúas gaitas, tambor e bombo).
Con dirección artística do gaiteiro Xesús Vaamonde e do percusionista Xosé Lois Romero (na imaxe), Pel e madeira ten unha clara finalidade didáctica, achegando un novo enfoque ao estudo dos instrumentos tradicionais. Neste sentido, a incorporación das gravacións de todos os temas permite, a través da selección independente dos canais do reprodutor estéreo, escoitar separadamente cada un dos catro instrumentos, así como facer unha interpretación ao vivo como parte deste "cuarteto virtual".
Trala gran acollida do primeiro número da colección, que esgotou rapidamente a tiraxe inicial, a Agadic e Dos Acordes acaban de publicar unha nova edición revisada, corrixida e ampliada do Volume I, que constaba dun libro coas partituras doutros 30 temas para cuarteto tradicional e os dous CD de audio. Nesta reedición, incorpórase un terceiro CD de datos coas particellas dos catro instrumentos por separado que, no caso das gaitas, están dispoñibles nas tonalidades de Do e Re.
Software de apoio
Ademais, atendendo as opinións recibidas trala edición do primeiro volume e co obxectivo de aportar ferramentas útiles para o oínte/intérprete, os autores do proxecto están a traballar na futura incorporación dun software que permita ao usuario mudar o tempo e a tonalidade dos audios para adecualos ao seu nivel formativo ou a unha determinada tonalidade.
En próximas entregas, a colección abrirase a outros instrumentos tradicionais (zanfona, requinta, trompa, tarrañolas, pandeira, pandeireta, etc.), ofrecendo distintas combinacións en formato de dúo. Porén, para os dous primeiros volumes elixiuse a formación de cuarteto tradicional integrado por dúas gaitas, tambor e bombo, por ser a agrupación musical galega máis popular, a que abrangue un maior espectro tímbrico, a máis versátil e a que posúe un maior abano de recursos musicais: melódico, harmónico, rítmico e dinámico.
Coa edición de Pel e madeira, cuxo título fai referencia aos materiais cos que están construídos a maioría dos instrumentos da nosa tradición musical, a Agadic e Dos Acordes buscan crear un fondo documental que compile o repertorio máis común entre os gaiteiros, e, sobre todo, producir material que incentive o desenvolvemento técnico e estético da percusión tradicional galega.
Con este obxectivo, a selección de temas abrangue todos os niveis de dificultade, dende o de iniciación até o de perfeccionamento, tendo en conta ademais a característica fundamental da cultura tradicional que condiciona este traballo: a permanente mudanza, adaptación e transformación que sofre día a día. As versións dos temas que aquí se presentan son as consideradas orixinais ou as documentadas como primarias, pero non son as únicas formas válidas para interpretar, xa que a improvisación e a reinterpretación permanente das pezas son características inherentes á música popular.