Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EXHIBIRANSE XUNTO A 18 MONTAXES GALEGAS DE TEATRO, DANZA E NOVO CIRCO DURANTE A 18ª EDICIÓN DO ENCONTRO, QUE TERÁ LUGAR DO 18 AO 21 DE OUTUBRO

Tres espectáculos andaluces completan a carteleira da Feira Galega das Artes Escénicas 2010

[13/08/2010] As compañías andaluzas Teatro del Velador, La Rous e Histrión Teatro exhibirán os seus últimos espectáculos en Santiago no marco da Feira Galega das Artes Escénicas 2010, que completa así unha carteleira artística na que figuran tamén 18 propostas galega de teatro, danza e novo circo. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo organiza esta décimo oitava edición do evento, que se celebrará do 18 ao 21 de outubro e para o que xa teñen confirmada a súa asistencia un cento de programadores, distribuidores e produtores do sector escénico procedentes de diferentes puntos da Península.

Feira Galega das Artes Escénicas

A organización da Feira abrirá do 1 ao 10 de setembro un novo prazo de inscrición de profesionais, ao tempo que avanza nos preparativos deste encontro artístico e comercial que se desenvolverá en seus espazos composteláns: Auditorio de Galicia, Aula de Cultura de Caixa Galicia, Sala Capitol, Salón Teatro, Teatro ARTeria Noroeste e Teatro Principal.

Destacadas incorporacións

A formación sevillana Teatro del Velador presentará en Santiago a súa primeira montaxe de danza, Hildegard, mentres que dende Granada chegarán La Rous con La casa del abuelo, premio ao mellor espectáculo na Feria Europea de Teatro para Niños y Niñas (Fetén) de Xixón, e Histrión Teatro coa obra Los corderos, escrita e dirixida polo recoñecido director arxentino Daniel Veronese.

Complétase así un programa de exhibición de 21 espectáculos: 17 de teatro, 3 de danza e 1 de novo circo. As compañías e montaxes de teatro galego seleccionadas son Abada Teatro con Ordem e progresso, Caramuxo Teatro con Mensaxe sen botella, Elefante Elegante Teatro con In, Galitoon Productions con Botazz!, Ghazafelhos con Frankenstein, Lagarta Lagarta con Casting (a comedia), Ónfalo Teatro con Na meta (sálvese quen poida), P.T. Excéntricas con Un cranio furado, Santiago Cortegoso con A filla de Woody Allen, Sarabela Teatro con O incerto señor don Hamlet, Talía Teatro con Volpone, Teatro de Ningures con Homes... mulleres, Teatro do Atlántico con Memoria de Helena e María, Teatro do Morcego con A nona e Títeres Trompicallo con O día que chegou unha nube e choveu.

A representación galega inclúe asemade os espectáculos de danza Shure PG48 da compañía La Macana e Sólodos de SólodosNeodans, ademais dunha montaxe de novo circo resultante da ensamblaxe de diferentes números a cargo de varias formacións.

A selección destas propostas galegas realizouse atendendo tanto aos niveis de distribución das compañías na Rede Galega de Teatros e Auditorios como aos criterios artísticos valorados por unha comisión de profesionais.

Ademais, e como en anteriores edicións, a Feira Galega das Artes Escénicas desenvolverá un programa paralelo que incluirá showcases e diferentes actividades arredor da zona de mercado situada no Auditorio de Galicia, onde se instalarán un total de 16 stands de asociación e empresas so sector.

Ligazóns