[11/08/2010] Un total de 36 proxectos presentados por 31 produtoras independentes galegas recibirán o apoio económico da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) por un importe global de 800.000 euros, adxudicados a través de dúas das seis liñas de subvención ao sector audiovisual convocadas este ano pola entidade da Consellería de Cultura e Turismo. Desta contía, 450.000 euros distribúense entre 20 propostas de traballo previo á realización de novas obras audiovisuais en lingua galega, mentres que 350.000 euros destínanse ao desenvolvemento e produción de 16 proxectos de contidos dixitais e interactivos destinados a internet, televisión dixital interactiva, plataformas de videoxogos e dispositivos móbiles.
Con estas dúas novas resolucións, a Agadic avanza na publicación dos adxudicatarios e contías outorgadas a través do seu programa de axudas ao sector audiovisual galego 2010, para o que reserva un orzamento superior aos 7 millóns de euros. Un 70,5 por cento deste importe corresponde ás subvencións á produción e coprodución de longametraxes en lingua galega, cuxa adxudicación será publicada proximamente. Ao tempo, continúa aberto o prazo de presentación de solicitudes para as de amortización de custos de produción, de concesión automática ata esgotar os 800.000 euros dispoñibles para esta modalidade.
Fase esencial
Un total de 20 produtoras galegas beneficiaranse das subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos audiovisuais nas súas diferentes modalidades, de xeito que se apoia a preparación de 7 novas longametraxes de ficción (184.000 euros), 6 longametraxes documentais (109.500 euros), 5 películas para televisión (109.500 euros) e 2 propostas de formatos innovadores para televisión (47.000 euros).
O obxectivo desta liña de axuda é fomentar unha das fases esenciais na realización de calquera obra audiovisual, entendendo por "desenvolvemento de proxectos" o conxunto de operacións previas aos procesos de pre-produción e produción: adquisición de dereitos, traballo de investigación, escrita e análise de guión, selección do equipo artístico e técnico, preparación do orzamento estimado, procura de socios, etc. A contía total destinada a esta categoría, distribuirase en dúas anualidades (200.000 euros en 2010 e os 250.000 restantes en 2011).
Canto ás subvencións para contidos dixitais e interactivos, 253.150 euros corresponden á produción de 7 proxectos, mentres que os 114.850 euros restantes foron adxudicados a 9 propostas para o desenvolvemento deste tipo de traballos para internet, televisión, videoxogos e móbiles. Do mesmo xeito que no caso anterior, o importe total distribúese entre 2010 (125.000 euros) e 2011 (225.000 euros).