Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ENTIDADE DA CONSELLERÍA DE CULTURA RESOLVEU A CONCESIÓN DE 300.000 € EN AXUDAS AO TALENTO AUDIOVISUAL, ASÍ COMO DOUTROS 180.000 Á PRODUCIÓN DE 17 CURTAS E VIDEOCLIPS

A Agadic apoia 33 novos valores do audiovisual galego para a realización de guións, longametraxes e curtas

[10/08/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo públicas hoxe as primeiras relacións de adxudicatarios e contías outorgadas no marco do seu programa de subvencións ao sector audiovisual 2010, a través do que a entidade da Consellería de Cultura e Turismo destina un total de 300.000 euros en axudas a 33 novos creadores co obxectivo de promover o talento audiovisual galego, así como outros 180.000 euros á produción de 17 curtametraxes e videoclips.

A Agadic dará a coñecer nos vindeiros días os beneficiarios do resto das liñas de apoio a este sector, ao que este ano destina un orzamento global de 7.060.000 euros: produción e coproducións de longametraxes, desenvolvemento de proxectos audiovisuais e desenvolvemento e produción de contidos interactivos; mentres que na categoría de axudas de concesión automática para a amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais, o prazo de solicitude continúa aberto ata o 15 de setembro.

Novos creadores e estéticas

Canto ás subvencións ao talento audiovisual, a contía total outorgada distribúese en catro modalidades de proxectos a través das que se busca favorecer tanto a emerxencia de novos creadores como aquelas propostas enmarcadas nas novas estéticas narrativas ou experimentais. Así, 63.000 euros diríxense a financiar a escrita de nove guións para longametraxes de ficción, documentais e películas para televisión; 43.000 euros, a oito curtametraxes en soporte dixital de ficción, animación e documentais gravados en versión orixinal galega; 121.000 euros, a outras tantas longametraxes en soporte dixital e de baixo orzamento que, polas súas especiais características creativas, foron consideradas de difícil financiamento; e os 73.000 euros restantes, a oito curtametraxes experimentais.

Neste último caso, tivéronse en conta propostas que apostan por unha ruptura dos códigos narrativos convencionais, ben polas especiais características do seu proceso de rodaxe ben polas temáticas que abordan.

Ademais, un total de 17 produtoras independentes galegas recibirán o apoio económico da Agadic para levar a cabo outras tantas producións audiovisuais de metraxe reducida, das que 11 son curtametraxes en versión orixinal galega e seis, videoclips.

Do orzamento de 180.000 euros reservado para esta convocatoria, 29.297 euros corresponden á produción de dúas curtametraxes de imaxe real en soporte cinematográfico; 80.861, a catro curtas de animación para cine; 40.673 euros, a cinco curtametraxes innovadoras en soporte dixital e 29.169 euros, a 6 videoclips.

Ligazóns